Entrevista

Irene Blanco, deportista de halterofilia: "Para levantar pesos o máis importante é a técnica"

A levantadora de pesos Irene Blanco (A Coruña, 2002) foi unha das deportistas destacadas do recente campionato galego absoluto de halterofilia, que decorreu na cidade herculina. Prepárase para o europeo que terá lugar en abril e busca novos retos, máis alá de querer estar presente nos vindeiros Xogos Olímpicos de París.

A levantadora de pesos, Irene Blanco (Foto: FGH).
photo_camera A levantadora de pesos, Irene Blanco. (Foto: FGH)

—Vén de participar no campionato galego absoluto e volveu demostrar que é a mellor na súa categoría. Como foi o reencontro coa halterofilia na casa?
Fixen en arrancada 90 e en dous tempos 112. A verdade é que non son as miñas mellores marcas. Estamos preparando campionatos internacionais, como o campionato de Europa Sub-23, e interésanos chegar no mellor estado de forma cara a eses campionatos. Por ese motivo afrontamos este torneo como adestramento de intensidade. Ao mesmo tempo tentamos pasalo o mellor posíbel e ter toma de contacto coa tarima.

—Coincidiu esta fin des semana con outras e outros deportistas do país. Que opina do nivel galego, agora mesmo, neste deporte?
A verdade é que, como sempre, vai cara a arriba. Desta vez vin moita xente en categorías máis pequenas en idade, como Sub-15 , Sub-17 e Júnior, que suman moito nivel ao equipo. 

—Nese momento, ollando cara a esas categorías, lembraría os seus propios inicios neste deporte, non?
Claro, obviamente. Tiven a sorte de que o meu adestrador, Ferenc Szabó, cando estaba en primeiro da ESO fixo probas de captación no meu instituto. Quería facer promoción deste deporte e, tamén, captar novo talento. Eu non sabía nada desta disciplina deportiva mais a curiosidade levoume ao club. Unha vez cheguei a el, decateime de que sería o meu deporte. Certo que non pensei que chegaría até o día de hoxe, mais si que sería por moito tempo. Despois, recoñezo que foi todo bastante rápido. 

Xa practicara moitos deportes, aínda que ningún de forza como tal. Porén, tiña masa muscular abondo. Iso si, cando aprendín a técnica, os quilos comezaron a subir. Non é o mesmo unha nena de 13 anos que pese 40 kg que unha rapaza coma min que pesaba 80 kg, tiña outra marxe de traballo diferente. 

—Que parte de importancia ten a técnica, ademais da forza, para conseguir bos rexistros?.
A técnica e a forza van da man. No levantamento de pesas o máis importante é a técnica. A forza desenvólvese cando traballas cos propios pesos que rematas por levantar coa técnica. 

—E como é ese traballo semanal no seu caso?
Esta mesma semana, por exemplo, fixen dous adestramentos, pola mañá e pola tarde. Terei máis cada día. Este sábado descanso, por ter una exame, mais noutros casos tamén traballaría. En total son nove sesións. Dependendo da intensidade terán unha duración diferente. Ten que ver coa etapa en que estea de preparación do compromiso deportivo que teña nese momento. En realidade non é tan importante o tempo que dure un adestramento como a intensidade que poña nel. O meu é un deporte de forza explosiva no que os músculos traballan de diferente maneira que nos deportes aeróbicos. 

—Cales son seus obxectivos internacionais inmediatos?
Por agora penso só no campionato europeo Sub-23. Sempre son obxectivos moi altos mais en dous anos teño pensado conseguir as mínimas absolutas, tanto europeas como mundiais.

—E non pensa nos Xogos Olímpicos de París, agora que estamos ás portas de que teña lugar?
Teño que recoñecer que hai uns anos era un obxectivo co que estaba case obsesionada, mais agora céntrome no día a día, cos obxectivos que me marca o meu adestrador.

Como para calquera deportista, estar presente nuns Xogos Olímpicos é un soño moi alto, mais a clasificación tamén é moi complicada. No meu caso, non quero frustrarme se non o consigo. Prefiro ir paso a paso e facer o que quero.

O mellor da halterofilia galega 

O Campionato Galego Absoluto 2023 reuniu na Coruña na fin de semana, nas instalacións de Crossfit A Coruña, o mellor da halterofilia galega. En categoría feminina, as mellores marcas foron para Irene Blanco (81 kg) con 71,38 puntos, Dariadna Arancibia (59 kg) con 65,95 e Noelia García con 65,52 puntos elite, todas do CH Coruña. En categoría masculina, destacaron as actuacións de Víctor Castro (73 kg) con 81,90 puntos, Jacobo Montero (89 kg) con 71,06 puntos e Alejandro Méndez (73 kg) con 69,25 puntos. A competición era válida para obter a mínima para o campionato de España Absoluto que decorrerá no mes de maio en Huercal, Almería (Andalucía).

Comentarios