Entrevista

Unai Larrañaga: "O camiño aos Xogos dos Ánxeles será longo e duro"

De Dumbría (Finisterre) procede un dos maiores talentos galegos da actualidade no mundo do voleibol, Unai Larrañaga (2000), quen vén de levantar a Copa do Rei co Guaguas das Palmas de Gran Canaria, o conxunto máis poderoso do Estado, ao que sustenta co seu poderío desde a posición de líbero.
Aos seus 23 anos o galego xa está na elite do voleibol estatal. (Foto: Textil Santanderina).
photo_camera Aos seus 23 anos o galego xa está na elite do voleibol estatal. (Foto: Textil Santanderina).

—Unai, acaba vostede de levantar a Copa do Rei. Anteriormente xa fixera o mesmo coa Copa Príncipe, pero isto son palabras maiores. Que sentiu no momento en que se viu levantando o trofeo?
A verdade é que si, a Copa do Rei é un paso máis, e moi grande. Sempre que se gaña un título vívese un momento de eufória e alegría desatada no momento, porque, ao final, é para o que vés traballando todo o ano, para chegar a esas situacións e, unha vez que consegues o obxectivo, é complicado controlarse.  

—Entendo que este campionato, e outros que de seguro estarán por chegar, representa a meta que tiña en mente cando asinou este verán polo Guaguas.
Si, sabía que asinaba por un proxecto ambicioso, pois tal e como se formou o cadro de xogadores está claro que a meta é intentar gañar o máximo número de títulos posíbeis. E, de momento, todos os que disputamos os estamos gañando: a Supercopa, a Copa Ibérica e agora a Copa do Rei, falta tan só a Liga. Por iso, a verdade, é que estou moi contento de que o proxecto estea dando os seus froitos tan axiña.

—Vostede chegou ao seu actual club procedente doutro equipo moi grande como é o Melilla. Como de difícil foi tomar a decisión de dar o salto?
Para min foi doado, pois o Guaguas a día de hoxe ten unha gran diferenza con respecto ao resto de clubs, tanto pola infraestrutura que ten como por todo o poder que demostra. Así que, no momento en que me chamou, non me custou moito decidirme. 

—Nunhas declaracións de hai tres anos non ocultaba que unha das súas metas sería chegar a xogar na SuperLega italiana. Dado o seu crecemento como xogador tempada tras tempada, que está sendo expoñencial, cando cre que logrará a súa meta?
É cuestión de tempo, este decidirá. Hai casos de xogadores moi bos que non chegan a facelo, hai que ter un pouco de sorte tamén. Pero estou moi contento pola progresión que estou mantendo, este ano xogo a Champions League, que é a máxima competición a nivel continental, así que considero que estou seguindo o camiño correcto para iso. 

—Hai tanta diferenza de nivel entre a máxima categoría italiana e a española?
Si, hai moitísima diferenza. Creo que actualmente, e desde hai xa varios anos, o nivel da Lega incrementouse moitísimo e Italia é o país 'Top-1' mundial, onde acaban xogando os mellores.

—Por suposto, unha das razóns polas que os mellores do planeta xogan en Italia son os cartos [mentres que no Estado español a meirande parte dos deportistas perciben o Salario Mínimo Interprofesional como remuneración, no país transalpino as cifras elévanse até os centos de miles de euros anuais, superando o medio millón no caso das principais estrelas].  Cal é a súa situación neste sentido? Pode vivir vostede do voleibol?
Si, teño un contrato de traballo e podo vivir do meu deporte.

—Ademais de xogar en Italia, o outro soño confeso que ten é vivir a experiencia dos Xogos Olímpicos. Lamentabelmente, en París 2024 non poderá ser, aínda que dada a súa xuventude non resulta unha quimera pensar que está máis que a tempo de participar nos dos Ánxeles 2028...
Si, niso é no que pensamos. Este próximo verán semella bastante prometedor, porque estamos a nada de lograr meternos no Mundial se o facemos ben nos próximos partidos, pois subiríamos un par de puntos no ránking. O camiño aos Xogos dos Ánxeles será duro, pero ogallá se complete.

Os Larrañaga, unha dinastía no voleibol

O voleibol nunca foi un deporte alleo para Unai Larrañaga, pois o seu pai é nin máis nin menos que Gurutz Larrañaga, un dos impulsores do Vólei Dumbría e recoñecido adestrador. "Ao principio é raro que o teu pai sexa tamén o técnico, foi unha situación incluso algo difícil de manexar para min, pero como destaquei desde pequeno tampouco me supuxo moito problema", explica o internacional galego, quen salienta o nivel tanto do seu irmán mediano, Xabier Larrañaga, como do máis pequeno da saga, Iago, que recentemente alcanzou as semifinais do Torneo Wezva co combinado estatal Sub-18.

"Obviamente Iago sempre estivo ligado ao voleibol, desde ben pequeniño, pero estou sorprendido incluso eu do que está facendo, e moi contento pola súa progresión, porque sendo tan novo xa estea involucrado na dinámica das competicións europeas", destaca Unai. 

Comentarios