Xabaríns, voleibol de Lugo e popular

O club conta con catro equipos e é totalmente autoxestionado.
Encontro do equipo feminino de Xabaríns Volei Lugo que tivo lugar no pasado mes de xaneiro (Foto: Xabaríns Volei Lugo).
photo_camera Encontro do equipo feminino de Xabaríns Volei Lugo que tivo lugar no pasado mes de xaneiro (Foto: Xabaríns Volei Lugo).

A autoxestión pode facerse moi complicada. No mundo do deporte, tamén. Non obstante, iso non amedrentou as mozas e mozos de Xabaríns Volei Lugo, un club 100% autoxestionado e popular que é propiedade das socias e socios e que comezou a súa aventura no voleibol no ano 2020, en plena pandemia.

Van xa tres anos desde que Xabaríns comezase a andar e desde entón a cidade de Lugo pode presumir de poder chamar seu un equipo deste fermoso deporte. Nos últimos tres anos os bos resultados son unha constante nos diferentes equipos que conforman un club que consegue sobrevivir a base de 'fozar'.

O seu presidente, Pedro Val, atendeu Nós Diario para tratar todo acerca do club que preside e sobre os plans de futuro. "Viñamos de diferentes clubs e en 2020 decidimos crear algo noso, algo propio, e inscribimos un equipo sénior masculino. O ano seguinte inscribimos o sénior feminino e fomos campións galegos en sénior masculino e este ano xa temos no conxunto do club catro equipos ao incluír o cadete e o xuvenil", apunta Val sobre o nacemento e desenvolvemento do club.

O autofinanciamento dos catro equipos é, sen dúbida, difícil. A este respecto, Val indica que "hoxe en día somos viábeis grazas á masa social que son as nosas socias e socios e grazas aos patrocinadores que decidiron apostar neste proxecto, senón sería imposíbel que puidésemos competir". 

Obxectivos cumpridos

Despois de tres anos de competición é preciso reflectir acerca do que se conseguiu e do que fica por conseguir. Sobre se se cumpriron as metas que se fixaron no nacemento do club, Val asegura que "os obxectivos deportivos está claro que si, ao final somos campións galegos e a principios de maio competiremos por revalidar o título". "Cando comezamos non contabamos con atraer tanta xente para xogar ao voleibol. Non contabamos con ter catro equipos e implicar tanto a cidade, porque ao final, somos un barquiño ao lado dun transatlántico", manifesta Val.

O voleibol é un deporte realmente atractivo tanto para quen o practica como para quen o ve e o deporte medra a nivel mundial e tamén na Galiza. Sobre isto, Val indica que "o voleibol cada vez ten máis participantes e máis fama. Hai uns cantos anos era visto como un deporte practicado sobre todo por mulleres, e agora hai máis homes que o xogan. De feito, a nivel mundial véndese como o deporte máis igualitario xa que as xogadoras e xogadores de elite mundial cobran case o mesmo. Con todo, na Galiza queda moito por sachar".

O voleibol tamén se viu 'beneficiado' durante a pandemia xa que foi un dos poucos deportes que non parou a súa actividade durante esa época tan difícil: "Durante a pandemia a maioría dos deportes tiveron que parar a súa actividade, nós non. Puidemos comezar a temporada con certa normalidade e iso fixo crecer o deporte a nivel galego e estatal".

O futuro

"O futuro dependerá do que nos permita o financiamento", asegura Val acerca do que depara o futuro de Xabaríns Volei Lugo. Na opinión do presidente do club, sería ideal poder ter máis equipos e implicar máis xente pero "economicamente na actualidade non podemos". De feito, Val relata que "o ano pasado tiñamos a opción de xogar a fase de ascenso á terceira categoría do voleibol estatal e non puidemos por temas económicos". 

Un club das persoas socias pensado para as bases

Se Xabaríns Volei Club puido competir durante os tres anos da súa existencia foi grazas á masa social que mantén o club. Sobre o número de socias e socios da entidade, o presidente do club, Pedro Val, indica que "estamos moi agradecidos a todas as persoas socias de Xabaríns Volei. Cada temporada aumentamos un pouco a masa social mais, desafortunadamente ás veces non é suficiente. Cada equipo cústanos por volta de 4.000 euros, mais seguiremos loitando por saír adiante".

Comentarios