Presentan unha proposta no Parlamento para recoñecer o dereito das seleccións galegas a competir en torneos internacionais

Forma parte da campaña da plataforma Vía Galega 'Galiza: un Pobo, unha selección'.
A selección galega masculina Sub 14 no Campo de Oira, Ourense, en 2019 (Foto: RFGF).
photo_camera A selección galega masculina Sub 14 no Campo de Oira, Ourense, en 2019 (Foto: RFGF).

Unha comisión formada por 34 persoas, na súa maioría ligadas ao mundo do deporte, presentou nesta cuarta feira no Parlamento galego unha proposta de Proposoción Non de Lei que recoñeza o "dereito, interese e necesidade" das seleccións deportivas galegas a competir en eventos e torneos internacionais.

Así o informou nun comunicado a plataforma Vía Galega, quen sinala non seu escrito que esta proposta, presentada na Cámara galega mediante o procedemento de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP), forma parte da campaña 'Galiza: un Pobo unha selección' que está a desenvolver.

Tal e como explica Vía Galega, unha vez presentada a proposta, esta debe ser admitida a trámite. Despois disto, a Mesa do Parlamento galego trasladará a ILP á Xunta Electoral, para que esta a súa vez se encargue da tramitación da recollida de sinaturas. Para que poida ser tratada na Cámara, debe contar cun mínimo de 2.500 sinaturas.

Entre os integrantes da comisión promotora desta iniciativa, destacan a subcampioa Estatal junior de Decatlón, Alba Cuba Dorado; a primeira muller árbitra de balonmán en Europa, Cristina Fernández Piñeiro; o responsábel de Deportes de Nós Diario, Héctor Pena Taboada; ou o coordinador da Federación de Peñas do C.D. Lugo, Román Sánchez Basteiro.

Proposta de Vía Galega

De ser admitida a trámite e posteriormente aprobada a proposta de Vía Galega, o Parlamento instaría a Xunta a "tomar as medidas necesarias para que "a Galiza teña o dereito a competir coas súas seleccións deportivas absolutas a nivel oficial e internacional en todas as modalidades, categorías e disciplinas deportivas".

Tamén recolle a petición de que "os nosos e as nosas deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e  exhibila cando soben ao podio", ademais de que "se conformen seleccións galegas femininas e masculinas en todas as categorías e disciplinas deportivas".

Por último, a proposta incide en que "se galeguice o deporte e se promova a normalidade lingüística neste ámbito", e que "se impulse a igualdade de xénero mediante a participación da muller na práctica do deporte e coa conformación de seleccións e competicións femininas".

Comentarios