A CIG anima a asinar a prol da oficialidade das seleccións deportivas galegas

Vía Galega presentou o Manifesto 'Galiza, un Pobo, unha selección' en que reclama o dereito a conformar seleccións galegas en todos os deportes e a competir a nivel oficial e internacional.

Presentación do Manifesto de Vía Galega (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Presentación do Manifesto de Vía Galega (Imaxe: Nós Diario)

A Plataforma Vía Galega presentou a pasada semana o Manifesto 'Galiza, un Pobo, unha selección', co que pretenden reclamar o dereito a conformar seleccións galegas en todos os deportes e a competir a nivel oficial e internacional.

Agora, a Confederación Intersindical Galega (CIG) fai un chamamento para que calquera persoa que así o desexe consulte o Manifesto e se adhira ao mesmo no portal Viagalega.gal co obxectivo de conseguir o máximo número de apoios para reclamar "que os e as deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e exhibila cando soben ao podio, ademais de galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero".

Unir "todas as voces"

Neste contexto, Vía Galega avoga por unir “todas as voces para levantar un movemento reivindicativo para que a Galiza, como nación, poida competir en todas as modalidades, categorías, niveis e disciplinas deportivas”.

“Precisamos, para isto, rachar coa nosa dependencia das federacións españolas e crear a nosa organización propia e soberana; necesitamos termos todas as competencias porque, do contrario, continuarán existindo todo tipo de trabas para que Galiza non teña recoñecido o dereito a competir oficialmente”, engadiu Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega.

Entre outros nomes, xa asinaron o manifesto Fernando Vázquez, ex adestrador do Celta e do Deportivo, alén de seleccionador nacional; Pili Neira, adestradora da selección galega feminina de fútbol; Xulia Vaquero, plusmarquista dos 5000 m, noveno posto olímpico en 10.000 m en Atlanta 96 e subcampioa europea de cross; Antón Ruanova, subcampión do Estado Español de tríatlon; Alba Cuba Dorado, subcampioa estatal junior de declatón; Hugo Sánchez Flores, xogador do Fútbol Sala Santiago-Futsal e Burela e mellor deportista lucense de 2011; Cristina Fernández Piñeiro, primeira muller árbitra de balonmán en Europa; Fiz Rodríguez, segundo adestrador da SD Compostela; Román Sánchez Besteiro, coordinador da Federación de Peñas do C.D. Lugo; Óscar Martínez Souto, árbitro de fútbol; Adolfo Sainz Maza, campión galego de Decatlón; Adrián Carreira Penalonga, atleta de Decatlón; Ismael Romero Saborido, remeiro do Clube de Remo de Cabo da Cruz da liga ACT; Daniel Vázquez Labrada, remeiro do Clube de Remo de Ares da liga ACT; Bernardo Máiz Bar, remeiro do Clube de Remo de Ares da liga ACT; Xurxo Souto, impulsor das seleccións e de Seareiras GalegasCristina López Villar, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e de Educación Física da UDC; Manuel Polo, licenciado en Educación Física e adestrador de atletismo; Severino Gómez Neira, director técnico do Club A Cambadela; Xan Rodiño, presidente da Asociación Cultural e Deportiva de Billarda Rías Baixas e impulsor da Liga Nacional de Billarda e Anxo Amado, directivo do Santiago-Futsal.

Comentarios