Vía Galega lanza a iniciativa 'Galiza, un pobo, unha selección' como "revulsivo" para o país

Unha exposición, dúas publicacións en papel e un documental conforman o proxecto.
Bruno Lópes, Anxo Louzao, Héctor Pena, Lucía Mariño e Susana Méndez. (Foto: Arxina).
photo_camera Bruno Lópes, Anxo Louzao, Héctor Pena, Lucía Veciño e Susana Méndez. (Foto: Arxina).

Nos anos 90 do século pasado popularizouse nos estadios de fútbol galegos o berro "unha nación, unha selección". Recuperando ese espírito, a plataforma social Vía Galega presentou na xornada de onte a iniciativa 'Galiza, un pobo, unha selección', na que realiza unha poliédrica panorámica polo pasado, o presente e o futuro do deporte do país ao mesmo tempo que pon en valor "o seu peso na construción dunha identidade nacional" e reivindica "o dereito a competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas". 

Nun acto desenvolvido na capital galega, Compostela, e que contou coa presenza de Susana Méndez, Lucía Veciño e Anxo Louzao -membros da coordinadora e da portavocía de Vía Galega, respectivamente- e do deseñador Bruno Lopes Teixeiro e o xornalista de Nós Diario Héctor Pena, estes debullaron as liñas mestras dunha campaña que consta de catro piares diferentes: unha exposición, unha revista, un xornal e un documental.

A mostra, de carácter itinerante, chegará a practicamente todos os currunchos do país, pois ten programada a súa presenza en 35 localidades diferentes desde mediados deste mes de novembro e até o vindeiro xuño de 2022. Esta consta de 20 paneis que, como afirmou Lopes Teixeiro, se caracterizan por "ter algo máis de texto do que é habitual neste mundo de 140 caracteres no que estamos instalados, mais non sobra nin unha soa liña do que é a exposición para quen queira coñecer por completo o que é a historia do deporte galego e ao que debemos aspirar".

Con respecto á revista e ao xornal, estas están concibidas como ferramentas complementarias nas que as entrevistas a personaxes da relevancia de Belén Toimil, Adi Iglesias ou Gustavo César Veloso se combinan coas opinión das plumas de Xurxo Souto ou Cristina Fernández e cunha serie de reportaxes nas que o fútbol, o gaélico, o tríatlon, o piragüismo, a billarda ou a reivindicación do peso da muller no deporte do pais tornan en protagonistas.  

Finalmente, no documental Vía Galega reuniu 13 referentes de primeira orde, como son o ex seleccionador nacional Fernando Vázquez, a atleta Julia Vaquero, a ciclista Eva Castro ou o alpinista Luís Penín. 

Para Pena, todo isto "permitirá botar luz sobre unha parte da nosa historia oculta e non poucas veces infravalorada, pois adoita quitárselle valor á relevancia do deporte, o que significa e o seu peso na construción nacional", reflexión que compartiu Louzao engadindo que o proxecto 'Galiza, un pobo, unha selección' será "un revulsivo que levantará un amplo movemento para esixir o dereito a formar seleccións galegas que compitan oficial e internacionalmente".

Comentarios