O secretario xeral para o Deporte négase nun encontro con Vía Galega a avanzar na constitución de seleccións galegas

Para o organismo, "non deixa de ser preocupante o desleixo e despreocupación da Xunta da Galiza para que no deporte poidamos amosarnos como nación que somos".
undefined
photo_camera Vía Galega leva anos a pular pola constitución de seleccións deportivas galegas. (Foto: Nós Diario)

Os membros da coordenadora de Vía Galega Antón Laxe e Anxo Louzao mantiveron un encontro nesta terza feira co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, para presentarlle varias propostas e reivindicacións que buscan avanzar na constitución de seleccións deportivas galegas.

Os integrantes da plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza informou o secretario xeral da da "gran acollida" que está a ter a campaña 'Galiza, un Pobo, unha selección', e detallaron o manifesto que recolle as propostas que avalaron "máis de 4.300 sinaturas, entre elas deportistas significados, que subscribiron o manifesto" e que se concretan en conformar seleccións galegas en todos os deportes e o dereito a competir "non só amigabelmente, senón, tamén, a nivel oficial e internacional".

"O dereito  de Galiza  a estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas; a que os nosos e nosas deportistas e deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e a impulsar a igualdade de xénero", engade nun comunicado a plataforma.

Porén, segundo Vía Galega, Lete Lasa "non se amosou nada receptivo ás propostas desta plataforma social". O secretario xeral para o Deporte "afirmou que se encontraban cómodos no actual marco competencial e lexislativo".

"Non van gastar un duro"

Vía Galega lamentou que o secretario xeral opine que as seleccións galegas "non deben ter dereito a competir oficial e intencionalmente" naquelas disciplinas nas que participa a federación española. "Non ven necesario nin reclamar competencias nin interese por mudar o marco lexislativo para podermos competir como galegos e galegas", subliña no comunicado.

Segundo a plataforma, no seu encontro con Louzao e Laxe chegou a afirmar que "non van gastar un duro" en promover e apoiar partidos amigábeis das seleccións galegas, xa que non é a súa prioridade. Neste sentido, Vía Galega afirma que a Secretaría Xeral do Deporte "desbotou fixar un calendario estábel  de encontros amigábeis, nin sequera se comprometeu a que este ano se retomen os encontros da Irmandiña".

Neste sentido, denuncia a plataforma que Lete Lasa afirmou que a Xunta non dará apoio económico para fomentar os encontros amigábeis, aínda que "non porían reparo"  se as federacións promovían estes encontros. Iso sí, Vía Galega ironiza dicindo que si "estarían no palco".

Para o organismo, "non deixa de ser preocupante o desleixo e despreocupación da Xunta da Galiza para que no deporte poidamos amosarnos como nación que somos". O comunicado lamenta a "orfandade" na que vive a poboación galega neste ámbito e afirma que a actitude do Goberno galego só fai "limitar as oportunidades ás deportistas galegas".

Comentarios