Fútbol

A PREVIA | A festa do Celta comeza por superar o Girona

Moito, moito fútbol e para todos os gustos agarda pola afección galega esta fin de semana. Os pratos estrela do menú son o Celta-Girona da Primeira e o Sporting-Rácing da Segunda; un derbi entre o filial celeste  e o Dépor masculino; así como un choque Deportivo-Espanyol co liderado da Primeira Federación Feminina en xogo.
Rafa Benítez, que non está pasando o seu mellor momento como celeste, precisa os puntos para recuperar o cariño de parte da afección. (Foto: EP).
photo_camera Rafa Benítez, que non está pasando o seu mellor momento como celeste, precisa os puntos para recuperar o cariño de parte da afección. (Foto: EP).

O Celta perdeu unha batalla, pero non a guerra. A ese vello dito debe asirse unha parroquia celeste moi desesperanzada logo das dúas derrotas consecutivas coa Real Sociedade, eliminación copeira incluída.

Con esa mentalidade encara o choque de mañá ante o Xirona (Balaídos, 14 horas), líder da categoría, sabedora de que a aparentemente intocábel escuadra catalá ten, igual que todas, os seus puntos febles, como evidenciou o Mallorca no torneo do KO.

Para ser quen de explotalos o cada vez máis cuestionado Rafa Benítez debe dar, dunha vez por todas, cunha tecla que pasa polo medio campo, pois até o de agora ningunha das combinacións técnicas nin tácticas empregadas polo madrileño deron o resultado agardado. 

Nas súas mans está non estragar un ambiente festivo que comezará co encontro do primeiro equipo, continuará co derbi entre o Celta Integra e o Deportivo Genuine na Madroa (16.30) e terá o seu colofón ás 21, tamén en Balaídos, co partido da Primeira Federación entre o Celta Fortuna e o Dépor 'A'

Antes, o club organizou, para amenizar toda esta intensa xornada de fútbol, concertos e actividades de animación, como pintacaras e as actuacións de Highprow, Groove Amigos e o grupo de batucada Lenha Verde.

E, por se todo isto fose pouco, onte a flamante presidenta do conxunto olívico, Marián Mouriño, volveu ratificar a súa intención de que, por fin, o Celta conte cunha sección feminina, pois nun evento para líderes empresariais na sede do Círculo de Empresarios da Galiza insistiu en que presentará "pronto" un proxecto "independente" do masculino que debutaría a próxima campaña e contará "coa súa propia identidade, a súa propia forza e a súa propia independencia".

O Rácing, a polo Molinón

Só unha vez, nos 21 enfrontamentos que protagonizaron Sporting de Xixón e Rácing de Ferrol no Molinón, fogar dos asturianos, lograron a vitoria os Diaños Verdes. Foi, concretamente, o 4 de marzo de 1956, cando un tanto de Alvarito e outro de Tucho Sampedro fixeron inútil o gol de José Carlos.

Xa vai sendo hora de repetir o conto, non? E non hai mellor momento que este, no que o Rácing non deixa de abrir bocas polos seus extraordinarios resultados, para que os ferroláns saian vitoriosos dun xogo programado ás 21 horas de mañá. De facelo, non só darían un golpe enriba da mesa, confirmando a súa candidatura a rematar a liga en postos de play-off, senón que superarían un rival directo, pois o Sporting ocupa a segunda posición na táboa clasificatoria con 39 puntos, un máis que un Rácing que é quinto, posición que comparte cos poderosos Eibar e Levante.

O Dépor quere o liderado

Alén do partido máis destacado da fin de semana, ese Celta Fortuna-Deportivo da Coruña en Balaídos, a Primeira Federación masculina trae consigo outros dous encontros con gran interese para a afección galega, pois un Lugo en crise colide no Ángel Carro ás 19 horas de hoxe coa Real Sociedade B e o Arenteiro procurará o seu terceiro triunfo consecutivo a costa do fechacancelas, o Teruel, a partir das 16 horas de hoxe en Espiñedo.

Pola súa parte, na Primeira Federación Feminina o representante do país, o Dépor, ten por diante un duelo de poder a poder contra o Espanyol (hoxe, 12 horas), primeiro contra segundo clasificado e único equipo que conseguiu derrotalo até o de agora.

O fútbol galego une forzas a prol da lingua

Catro clubs (Celta, Rácing de Ferrol, Deportivo e Lugo) uníronse á campaña 'Aquí tamén se fala galego' que impulsa o IES Rafael Dieste da Coruña para "rachar prexuízos" e implicar a mocidade co uso do idioma.

Comentarios