Fútbol | 1ª RFEF

A CRÓNICA | Un renacido Lucas rescata o Deportivo

Os branquiazuis superan a Real Sociedade B (2-1) con moito sufrimento.

Logo de case nove meses sen marcar Lucas Pérez anotou os dous tantos do Deportivo e liderou os seus até o triunfo. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Logo de case nove meses sen marcar Lucas Pérez anotou os dous tantos do Deportivo e liderou os seus até o triunfo. (Foto: RC Deportivo).

“Melchor, Gaspar, Baltasar, quérovos a todos!” Estas emocionadas declaracións dun seareiro nada máis rematar o Deportivo-Real Sociedade B con vitoria branquiazul por 2 a 1 na noite desta quinta feira en Riazor responden ao feito de que os Magos de Oriente cumpriron cun día de adianto o desexo que lles pedira: que Lucas Pérez volvese marcar.

O de Monelos levaba sen ver porta na competición da regularidade desde o oito de abril do 2023, na xornada 31 da tempada 2022/23. Pasaron desde entón case nove meses, 39 semanas, 271 días nos que a desesperación foi bloqueando a psique do dianteiro até o punto de chegar, en non poucas ocasións, a deixar de tirar a porta para no seu lugar optar por repartir asistencias aos seus compañeiros. Até agora.

Aos dous minutos do primeiro partido do 2024 un soberbio pase entre liñas dun Yeremay que semellaba imbuído do espírito do seu paisano Valerón habilitou un Lucas Pérez que tornou en Roy Makaay para deixar atrás o porteiro Ayesa, grazas á súa punta de velocidade, e definir ao máis puro estilo do Bota de Ouro nos mellores tempos do Súper Dépor.

Nun primeiro instante Lucas semellaba desencaixado. Como se non o crese. Tardou en reaccionar antes de levantar o brazo dereito con carraxe. Estaba claro que o Muro de Berlín que o separaba da sorte do gol caera definitivamente e sería cuestión de tempo que marcase o segundo, como así foi.

Logo dunha boa oportunidade no ‘19 xurdida das botas doutro veterano, Balenciaga, e que malogrou Ayesa, o novísimo meta vasco de 22 anos non logrou repetir a fazaña no minuto 27, cando Lucas Pérez recibiu outro balón en profundidade, esta vez de Davo, que non logrou materializar en primeira instancia, mais si no seu segundo intento logo de recoller o balón morto que lle deixou o porteiro txuri-urdin tras rexeitar o seu tiro.

Co 2-0 no marcador e unha común sensación de incredulidade entre o respetábel de Riazor de que, por fin, poderían asistir a un partido tranquilo chegouse ao tempo de descanso. Pero nada máis lonxe da realidade. Un erro clamoroso dun nervioso José Ángel no ’54 habilitou Magunazelaia para que, sen oposición, batese Parreño cun gran golpeo co interior do seu pé dereito. De volta nos vellos vicios do 2023, os branquiazuis respiraron aliviados logo de que o linier anulase un gol totalmente legal da Real B por fóra de xogo inexistente, pero volvéuselle encoller o corazón logo da expulsión de José Ángel por dobre amarela no ’67. Desde entón tocou repeler de todas as formas posíbeis o asedio donostiarra até que o colexiado asubiou o final do encontro no minuto 98.

Comentarios