Fútbol

A PREVIA | O Celta vai de Copa para saldar 'A Débeda'

A escuadra celeste recibe a Real Sociedade nos cuartos de final do torneo do KO coa derrota do pasado sábado na memoria. 
Todo ou nada. Para pasar ás semifinais e que, ao contrario do que pasou na Liga, sexa a Real a que acabe patas arriba, o Celta debe gañar. (Foto: LFP).
photo_camera Todo ou nada. Para pasar ás semifinais e que, ao contrario do que pasou na Liga, sexa a Real a que acabe patas arriba, o Celta debe gañar. (Foto: LFP).

No seo da parroquia celeste hai un movemento, que comezou como murmurio e que xa é un ruxerruxe, que pensa que este ano, o do centenario, si, que xa toca, que dunha vez por todas o Celta saldará 'A Débeda' -así, con maiúscula- e que dunha vez por todas levantará a Copa do Rei despois de perder até tres finais.

O triunfo ante o Valencia en Mestalla nos oitavos de final foi o impulsor definitivo dun optimismo copeiro quizais non sustentado sobre feitos obxectivos -de todos modos, que o está no fútbol?-, pero si sobre un sentimento que ve no torneo do KO  unha vía de escape dos males que asolan o equipo na Liga.

O pasado sábado, de feito, o Celta volveu perder, e non contra un calquera, senón contra o seu rival nos cuartos de final de Copa (Balaídos, terza feira, 21.30 horas), a Real Sociedade dun Brais Méndez que, ademais, foi o verdugo do club no que medrou como futbolista co tanto que marcou, o único do partido, no minuto 11.

Non obstante, o fútbol é unha continua avaliación continua onde o único que importa é o último resultado. Por iso, o feito de perder no seu último enfrontamento directo, que a escuadra olívica non gañe a donostiarra desde xuño de 2020, ou que no anterior precedente copeiro -en 2018, cando aínda se disputaba a dobre partido- saíra vencedora a Real non son máis que referencias, útiles para contextualizar, pero sen maior transcendencia.

Porque a Copa vai de emocións, de sensacións, e esas son inmellorábeis. Como senón explicar a transformación que sofren xogadores como Miguel Rodríguez ou Tasos Douvikas, que serán da partida no once de Benítez xunto con outros dos habituais da Copa, como Iván Villar?

Como senón explicar o feito de que uns seareiros e seareiras que até o de agora só sumaron decepcións na tempada do centenario vaian protagonizar un recibimento aos seus xogadores? Sabedores, como di a Federación de Peñas Celtistas, de que "non hai débeda que cen anos dure", esta fixo un chamamento para agardar pola chegada do autobús celeste ás 19.45 na chaira da bancada de Tribuna, recibimento ao que seguirá o izado de todas as bufandas para cantar o himno ao unísono cinco minutos antes do asubío inicial.  

Benítez encara o xogo "ilusionado"

Rafa Benítez é un home acostumado a gañar, e especialmente torneos eliminatorios, entre os que logrou unha Champions League, unha FA Cup inglesa, a Copa de Italia, a Copa da UEFA e a Europa League. Nunca conseguiu, non obstante, levantar a Copa do Rei, outra 'débeda' -quizais esta con minúscula- que podería saldarse se o madrileño comanda os celestes até o primeiro título da súa historia.

"Ilusión" foi a palabra coa que exteriorizou os seus sentimentos ante esta posibilidade na rolda de prensa previa ao partido da terza, resaltando Benítez que a situación é completamente "distinta" á da Liga. "Fixémolo ben na Copa, e queremos facelo aínda mellor. O publico virá axudarnos e iso é unha vantaxe. A ver como está o campo, porque pode ser un factor condicionante", dixo. 

Sobre os 11 posíbeis titulares non quixo manifestarse para non dar pistas ao seu rival, afirmando unicamente que "repetirán" algúns dos futbolistas que hai tan só tres días caeron coa Real Sociedade porque "hai algúns postos" onde non lle "sobran" os activos. 

Comentarios