Centenario do Celta

De Lezcano a Brais Méndez pasando por Karpin. Quen foi o mellor interior dereito do Celta?

As lectoras e lectores de 'Nós Diario' elixen na enquisa de hoxe interior dereiro do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta, partindo dunha pequena escolma que protagonizan Gabrile Lezcano, Juan Fernández, Valery Karpin, Fabián Orellana e Brais Méndez.

Pequena escolma de interiores dereitos do Celta.
photo_camera Pequena escolma de interiores dereitos do Celta.

Seguimos avanzando na conformación do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta grazas ás lectoras e lectores de Nós Diario. Hoxe é a quenda do interior dereito, despois de elixirmos o ambos mediocentros entre grandes nomes da centenaria historia celeste como son os de Santiago Castro, Vicente Engonga, Mazinho, Borja Oubiña e Tucu Hernández, Pablo Olmedo, Luís Villar, Vicente Álvarez, Claude Makélélé e Everton Giovanella.

Comezamos co paraguaio Gabriel Lezcano, que chegou ao equipo vigués procedente do seu país natal na temporada de 1966–67 con 18 anos, militando no club olívico durante oito tempadas, até o ano 1976. Na súa experiencia celtista gozou das alegrías da primeira clasificación do equipo para a copa da UEFA e as penas do descenso a Segunda División e posterior recuperación da máxima categoría.

Continuamos co ferrolán Juan Fernández que militou durante 11 temporadas no Celta de Vigo, a onde chegou procedente do Rácing de Ferrol, disputando 349 encontros oficiais co club vigués e anotando 50 goles. Foi ademais o primeiro ferrolán en disputar uns Xogos Olímpicos.

Quenda do ruso Valery Karpin, un dos xogadores máis míticos da historia do club olívico. Chegou inicialmente por un ano que ao final se converteron en catro coincidindo co seu compatriota Alexandr Mostovoi. Na temporada 2002/03 e tras 214 encontros e 36 goles como celeste deixou o club. Hoxe en día é o seleccionador nacional da selección rusa.

Chegamos ao chileno Fabián Orellana, que chegou ao Celta na temporada 2011/12 cedido con opción de compra, por aquel entón co club en Segunda División. Debutou co equipo na primeira xornada, o 26 de outubro de 2011, e finalizou a tempada disputando 33 encontros con 13 tantos e 11 asistencias, colaborando no ascenso do equipo a Primeira División.

Acabamos con Brais Méndez, natural de Mos. Canteirán do equipo debutou co primeiro equipo en 2017 marcou o seu primeiro gol o 31 de marzo de 2018. Finalmente, tras anotar un total de 22 goles como celeste e xogar 166 partidos marchou do equipo galego para recalar na Real Sociedade vasca onde xoga actualmente.

Comentarios