Fútbol | Copa

O Celta recibirá a Real Sociedade en cuartos

Dous goles de Tasos Douvikas e un de Luca de la Torre meteron os celestes en cuartos de final eliminando en oitavos o Valencia no seu campo (1-3).
Julien Escudé e o 'Mono' Burgos, no sorteo de Copa de hoxe. (Foto: RFEF)
photo_camera Julien Escudé e o 'Mono' Burgos, no sorteo de Copa de hoxe. (Foto: RFEF)

O Real Club Celta xa ten rival nos cuartos de final da Copa do Rei. Trátase da Real Sociedade, na que xoga desde 2022 un vello coñecido da parroquia celeste, o canteirán Brais Méndez. O sorteo levouse a cabo na mañá desta sexta feira na madrileña sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), e a do ex porteiro arxentino Germán 'Mono' Burgos foi a man inocente que sacou as bolas que contiñan os nomes do Celta e da Real Sociedade.

Como a primeira que escolleu foi a da escuadra olívica, o choque —esta eliminatoria é a última que se desenvolve a partido único— levarase a cabo en Balaídos durante a próxima semana, nunha data e horario aínda por determinar, mais se algo é seguro é que o torneo do KO regresará, por fin, a Vigo despois de seis anos de ausencia. O partido disputarase na terza feira día 23 ás 21.30 horas.

Dous goles de Tasos Douvikas e un de Luca de la Torre meteron os celestes en cuartos de final eliminando en oitavos o Valencia no seu campo (1-3). E o rival, a Real Sociedade, será o mesmo que visitará Balaídos este sábado (21 horas) en Liga.

O sorteo de hoxe deixou un atractivo Athletic-Barcelona en San Mamés noutro dos cruzamentos de cuartos de final, mentres o Atlético de Madrid recibirá o Sevilla e o Mallorca xogará na casa ante o Girona. 

Comentarios