Fútbol

Douvikas suma un gol cada 94 minutos e xa é o 'Owen' do Celta

O grego saca petróleo das oportunidades das que dispón.
O grego (centro) leva sete tantos. (Foto: RC Celta).
photo_camera O dianteiro grego (centro) leva sete tantos. (Foto: RC Celta).

O de Michael Owen é un nome que non necesita presentacións. O pequeno dianteiro que brillou na selección inglesa e en clubs como Liverpool, Newcastle, Manchester United e Stoke City desde o seu debut en 1996, sendo aínda menor de idade, e até a súa retirada en 2013, anotou case 200 goles ao longo da súa carreira e chegou a gañar o Balón de Ouro de 2001, edición na que a prensa da capital do Estado español daba como vencedor ao madridista Raúl González Blanco.

Quizais por iso nunca recibiu o seu apoio durante o seu breve paso polo Real Madrid dos Galácticos na tempada 2004/05.

Á sombra de Ronaldo e do propio Raúl, só lle permitiron disputar 2.427 minutos entre Liga, Copa e Champions, nos que pese a partir desde o banco na meirande parte dos mesmos logrou converter 16 goles, o que significa que anotaba 1 cada 152 minutos.

Desde entón sempre se lembra a figura do británico cando emerxe un goleador que saca petróleo dos escasos minutos dos que dispón, sendo o último exemplo o do celeste Tasos Douvikas.

O grego, logo do seu decisivo dobrete para que o Celta eliminase o Amorebieta na Copa do Rei, suma sete tantos en 658 minutos,  un cada 94, que fan del o máximo goleador do equipo no que vai de tempada xunto con Strand Larsen, coa diferenza de que Douvikas xogou menos da metade dos minutos do noruegués.

Comentarios