Luis Rubiales dimite sen asumir erros e culpando os "poderes fácticos" da súa caída

O xa ex presidente da RFEF marcha insinuando inxerencias externas no seu caso: "É evidente que non poderei volver ao meu cargo. Hai poderes fácticos que impedirán a miña volta".
O presidente suspendido da RFEF, Luis Rubiales, nunha rolda de prensa. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera O presidente suspendido da RFEF, Luis Rubiales, nunha rolda de prensa. (Foto: AFP7 / Europa Press)

O presidente deposto da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, confirmou este domingo ao presidente interino, Pedro Rocha, a súa renuncia definitiva ao cargo presidencial da RFEF, após varias semanas de polémica polo seu comportamento durante a final do recente Mundial feminino, cando, alén de agarrar os xenitais desde o palco de autoridades, bicou sen consentimento a futbolista Jennifer Hermoso. Iso despois de negarse, por activa e por pasiva, a botarse á beira e repetir alto e claro ante a asemblea da RFEF: "Non vou dimitir! Non vou dimitir!".

Así o comunicou o propio Rubiales a través dunha carta aberta, difundida desde a súa conta na rede social X —antes Twitter—. "Tamén o informei de que fixen o mesmo co meu cargo en UEFA, para que o meu posto na vicepresidencia poida ser substituído", precisou o xa expresidente da RFEF. Tras a "veloz suspensión" realizada por FIFA, "máis o resto de procedementos abertos contra a miña persoa", engadiu, "é evidente que non poderei volver ao meu cargo. Insistir en quedar á espera e aferrarme a iso non vai contribuír a nada positivo, nin á Federación nin ao fútbol español", proseguiu no seu escrito.

Sen mencionar explicitamente a xogadora Jenni Hermoso nin o bico que lle deu sen permiso o pasado 20 de agosto en Sídney (Australia), Rubiales insinuou inxerencias no seu caso. "Entre outras cousas, porque hai poderes fácticos que impedirán a miña volta. Aí está a xestión do meu equipo e, sobre todo, a felicidade que levo polo enorme privilexio destes máis de cinco anos á fronte da RFEF", dixo ao respecto.

"Non quero que o fútbol español poida resultar prexudicado por toda esta campaña tan desproporcionada e, sobre todo, tomo esta decisión tras asegurarme de que a miña marcha contribuirá á estabilidade que vai permitir que tanto Europa como África sigan unidas no soño de 2030, que permitirá traer ao noso país o maior evento do mundo", precisou Rubiales, en alusión á candidatura conxunta do Estado español, Portugal e Marrocos para acoller o Mundial dentro de sete anos.

"Debo mirar adiante, mirar ao futuro. Agora hai algo que me ocupa con firmeza. Teño fe na verdade e vou facer todo canto estea na miña man para que prevaleza. As miñas fillas, a miña familia e a xente que me quere sufriron os efectos dunha persecución desmedida, así como moitas falsidades, pero tamén é certo que na rúa, cada día máis, a verdade está a imporse", subliñou o xa ex presidente da RFEF.

Tamén quixo trasladar "unha forte aperta" a "todos os traballadores, asembleístas, federativos e xente do fútbol en xeral", desexándolles tamén "moita sorte". "Grazas a todos os que me apoiaron nestes momentos", concluíu Rubiales, nun comunicado no que eludiu a autocrítica e non recoñeceu ter cometido erro ningún.

A través dun comunicado, a propia Federación confirmou a última hora do domingo a oficialidade da renuncia do até entón presidente e, en consecuencia, iniciou xa o procedemento para escoller a nova cabeza visíbel desta institución.

Comentarios