O porto de Muros acolle a súa I Bandeira de Bateis

A proba comezará ás 10.30 horas do sábado.
Bateis competindo na XXI Bandeira Meira, Moaña (Foto: CR Virxe da Guía)
photo_camera Bateis competindo na XXI Bandeira Meira, Moaña. (Foto: CR Virxe da Guía)

O inverno non paraliza, nin moito menos, a actividade dos deportes náuticos, e boa mostra diso é o debut da Bandeira de Bateis Muros de San Pedro, que acollerá no porto da localidade a edición inaugural do certame a partir das 10.30 horas deste sábado.

Con respecto á súa configuración, a proba deste domingo, tal e como destacou a alcaldesa, María Lago, suporá unha oportunidade única "para gozar co deporte, a natureza e do Concello de Muros". 

Pola súa parte, o concelleiro de Deportes, Damián Torea, animou á rapazada da vila a "competir" nunha Bandeira de Bateis que supón a segunda parada da División Norte dunha Liga Galega que comezou a pasada fin de semana na Pobra do Caramiña coa Bandeira Santiago Sur Galiza, onde foron da partida 119 equipos (60 masculinos e 59 femininos) pertencentes a 14 clubs diferentes.

Campionato Galego de Piragüismo de Inverno

Sen saír da auga, o Parque Náutico de Castrelo de Miño será tamén este sábado a sede dunha nova edición do Campionato Galego de Inverno individual de piragüismo, competición que servirá como preparación para o Campionato de España de Inverno, programado para os días 9 e 10 de marzo en Sevilla.

A presentación oficial do evento tivo lugar no Pazo da Deputación de Ourense, coa participación, entre outras persoas, do presidente do Club Fluvial Avión Castrelo de Miño, Pedro Andrés, ou do máximo responsábel da Federación Galega de Piragüismo (Fegapi), Alfredo Bea.

O mandatario, despois de agradecer o "apoio" a un deporte que organizará 12 competicións durante o 2024 en Castrelo de Miño, confirmou que este parque náutico será a sede do próximo Estatal de Maratón os días 8 e 9 de xuño, nun evento no que se definirán as prazas para o Campionato do Mundo da disciplina.

En canto ao Galego, as categorías e modalidades nas que se distribúe serán xuvenil, sénior, paracanoe, K1 e C1, tendo, ademais, a consideración de evento puntuábel para a Liga feminina e a masculina. Esa é a principal razón da presenza de 37 equipos diferentes na cita, que desprazarán até 434 deportistas, destacando as delegacións de escuadras como o Fluvial de Lugo (35) ou o Ría de Betanzos (30).

Comentarios