A Liga Galega de Bateis chega a Vigo

A XXII Bandeira de Bateis ‘Concello de Vigo’ presentouse onte na cidade olívica. A proba forma parte da Liga Galega de Bateis e reunirá nas augas da parroquia de Teis ao redor de 600 remeiras e remeiros. A competición está organizada polo Club de Remo Virxe da Guía, unha entidade que fomenta, desde que se fundou en 1987, este deporte desde as categorías base. 
Bateis competindo na XXI Bandeira Meira, Moaña (Foto: CR Virxe da Guía)
photo_camera Bateis competindo na XXI Bandeira Meira, Moaña (Foto: CR Virxe da Guía)

A Liga Galega de Bateis chega até o barrio vigués de Teis este sábado da man do Club de Remo Virxe da Guía. Nesta proba de banco fixo participarán un total de doce equipos, ao redor de 600 remeiras e remeiros, pertencentes á Liga Territorial Sur. Será a XXII Bandeira Concello de Vigo, recuperada en 2018 após varios anos sen realizarse. 

Unha das persoas responsábeis da directiva do club, Miriam Figueroa, sinala a Nós Diario o “esforzo” que supuxo nese momento traer de novo esa proba que organizaba a entidade desde a súa fundación. Ademais, desde 2015, forma parte do Memorial Marcelino Barciela ‘Lini’, en homenaxe a este directivo.

A competición galega de bateis comezou no sur o pasado 11 de febreiro no Morrazo, na parroquia moañesa de Tirán, e seguiu na redondelá de Chapela para continuar, outra vez no Morrazo, en augas de Cangas

Nas augas viguesas competirán homes e mulleres en categoría absoluta ou da base, desde alevíns até xuvenís. Non é unha categoría inferior dentro do remo  mais, en opinión de Figueroa, "a aspiración sempre é ir subir cara ás traiñeiras". 

O batel é unha embarcación de remo de sete metros de eslora e uns setenta quilos de peso, cunha patroa ou patrón e catro remeiras ou remeiros. 

Un club con historia

Foi en 1987 cando veciñas e veciños decidiron recuperar a perdida tradición mariñeira de Teis, en Vigo, creando o Club de Remo Virxe da Guía. Comezaron ese ano con 32 licenzas e coa  participación nas 16 regatas que decorreron esa tempada.

Contaron cun pequeno local social, situado nunha vivenda, e outro para gardar as embarcacións e servir de ximnasio. Na actualidade, manteñen unha nave en Punta Areiño, tamén en Teis, ao carón do lugar da regata.

Promover o remo desde a base 

A filosofía do club sempre fomentou as categorías de base. “Temos dous equipos femininos, alevín e infantil, e masculinos, desde alevín até sénior”, indica desde a entidade de remo  Miriam Figueroa, “máis nenos que nenas, por desgraza”, puntualiza.

No equipo técnico teñen tres adestradores e unha adestradora e para promocionar o remo, aclara, "imos aos colexios e cando chega o bo tempo organizamos unha escola de verán”. 

Polo de agora os resultados acompañan coa súa presenza, tres anos seguidos, no Campionato de España, e os bos postos no Campionato da Galiza. "Quedamos en categoría infantil subcampións galegos e non chegamos por pouco á final do Campionato de España, sempre coa canteira", conta Figueroa.

Un dos problemas cos que se atopan desde esta entidade son as "fichaxes" das mellores pas de remo que preparan. "Este ano, por exemplo, non podemos ter no club traiñeira Sénior ao non contar cun número abondo", admite, "polo que estamos preparándonos agora para poder conseguila nuns anos", conclúe. 

Comentarios