O Club Waterpolo Pontevedra participará desde o 15 até o 17 de xullo no Campionato de España Xuvenil Feminino de Waterpolo. A piscina cuberta de Sant Sebastià (Barcelona) será o escenario deste campionato organizado polo Club Natació Atlètic-Barceloneta.
Por primeira vez na historia do waterpolo galego un equipo do país participará nesta competición, dando un paso máis para potenciar o waterpolo feminino galego.
O equipo pontevedrés clasificouse tras lograr o título do Campionato Galego Xuvenil Feminino disputado na piscina da Escola Naval Militar de Marín o pasado mes de marzo. O Campionato de España Xuvenil Feminino disputarano 12 equipos do territorio estatal: CN Atlètic-Barceloneta, CN Sabadell, CN Mataró, CN Boadilla, CN Brians, CN Dos Hermanas, Real Canoe NC, CN Leioa LT, CN Elx, CN Pontevedra, CN Marbella e CW Málaga.
Como dato curioso, só estiveron representadas até agora Catalunya, Madrid, Andalucía, Euskal Herria, País Valencià e agora a Galiza.
Os participantes estarán repartidos en 4 grupos de 3, xogando unha liguiña previa entre a sexta e o sábado pola mañá, da que sairán os cruces. O CW Pontevedra estará encadrado no grupo B, fronte a dous equipos fortes: Real Canoe (Madrid) e CN Mataró (Catalunya), xogando o 15 de xullo ás 12:50 fronte ás madrileñas e ás 19:20 diante as catalás.
Debutantes no equipo
Once xogadoras formarán o equipo do Pontevedra. O club participa co obxectivo de seguir acumulando experiencia competitiva, sobre todo para o seu próximo debut en Primeira División Estatal a tempada vindeira.
Entre as xogadoras hai varias debutantes nun campionato estatal de categorías, mentres que outras acumulan unha longa experiencia en campionatos desde alevíns.