O CW Pontevedra rebenta o teito de cristal

Por vez primeira un equipo feminino galego militará na Primeira División
O cadro de xogadoras do Club Waterpolo Pontevedra, coa bandeira galega tras asinar unha fazaña histórica. (Foto: CW Pontevedra).
photo_camera O cadro de xogadoras do Club Waterpolo Pontevedra, coa bandeira galega tras asinar unha fazaña histórica. (Foto: CW Pontevedra).

O equipo feminino do Club  Waterpolo Pontevedra, que xunta xogadoras procedentes do propio conxunto da cidade do Lérez con membros do Club Waterpolo Pavillón Ourense, derribou un antigo teito de cristal tras certificar o seu ascenso á Primeira División Nacional, pois nunca antes un equipo do país lograra subir á categoría de prata.

Son un total de 21 as heroínas que lograron un fito único desde  que a Real Federación Española de Natación (RFEN) constituíra unha Liga que desde a súa creación en 1987 foi monopolizada -con puntuais excepcións representadas polo Alcorcón madrileño- por equipos cataláns.

Agora, 35 anos despois, un combinado galego alcanza non a máxima categoría do waterpolo estatal, denominada División de Honra, senón a segunda, que curiosamente recibe o nome de Primeira División desde 1999.

A fazaña ten o mérito engadido de que na Galiza o waterpolo está lonxe de ser un deporte maioritario, pois a Federación Galega non alcanza a cifra de 500 licenzas, das que apenas un cento son femininas, cantidade que inclúe as deportistas de categorías inferiores, nuns datos que magnifican aínda máis a fazaña lograda polas xogadoras pontevedresas.

As reaccións non se fixeron esperar, comezando polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que deu os "parabéns" ao club por lograr un "merecido ascenso" que supón "unha honra para a Boa Vila e un fito para todas as deportistas".

Ademais, o lendario waterpolista e adestrador catalán Gaspar Ventura, actual responsábel de waterpolo da RFEN, sinalou que hai tempo que "agardaban" pola chegada das galegas ás categorías estatais, ás que advertiu de que toca "gozar do éxito", mais tamén "traballar para a próxima tempada" porque "chegar é difícil, pero manterse éo máis aínda".

Pola súa parte, desde o Club Waterpolo Pontevedra e o Club Waterpolo Pavillón Ourense, ademais de expresar o seu "agradecemento" a todas aquelas persoas que "fixeron posíbel" o ascenso, quixeron dedicalo "á xente que nos case 25 anos de historia de ambos os conxuntos puxo o seu gran de area, sementando para lograr este salto á categoría estatal". 

Murcia, sempre na memoria 

As persoas seguidoras do Real Club Deportivo da Coruña aínda lembran, máis de 30 anos despois, o ascenso ante o Murcia que rematou coa longa noite de pedra do conxunto herculino fóra da Primeira División de fútbol.

Agora, o bo recordo murciano no deporte galego esténdese ao waterpolo, pois foi precisamente cunha vitoria sobre o Club Waterpolo Murcia -e co mérito engadido de facelo na súa casa da piscina de Inacua- como o CW Pontevedra logrou o ansiado e histórico ascenso á máxima categoría.

Durante o partido, as galegas saíron con grande intensidade, como no partido de ida, pero con máis confianza e intensidade, o que as conduciu en pouco tempo a lograr un contundente parcial de 1-7.

A partir dese momento todo o equipo foi rotando para que todas as xogadoras puidesen gozar do partido e da experiencia, pero desexando que chegase o final para poder completar un obxectivo que chegou tras 32 minutos de xogo efectivo, cando o corpo arbitral pitou cun marcador favorábel ao CW Pontevedra (4-17). 

Comentarios