Pontevedra volverá ser a capital da petanca galega

Regresa a súa liga con 34 equipos en liza
A concelleira Gulías -segunda á dereita-, onte coa directiva da Liga. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera A concelleira Gulías -segunda á dereita-, onte coa directiva da Liga. (Foto: Concello de Pontevedra).

A petanca quere continuar loitando contra o estigma de ser un deporte de vellos -nunha reportaxe publicada no pasado nestas mesmas páxinas de Nós Diario achegábase o dato de que 80% das persoas con ficha federativa na Galiza tiñan menos de 50 anos- no inicio da tempada dunha das principais competicións do país, a Liga Concello de Pontevedra.

Co comezo previsto o próximo sábado, 9 de setembro, nesta ocasión até 17 equipos serán da partida nun torneo que se estenderá até o 8 de xullo do vindeiro ano 2024.

No acto de presentación da Liga, que contou coa presenza da edil de Deportes da Boa Vila, Anabel Gulías, e da xunta directiva encargada da organización do certame, co seu presidente José Luis Gallego á fronte, a concelleira incidiu nos "valores paralelos" da petanca, salientando as "xornadas de traballo en centros educativos" e a "dinamización nas parroquias" que trae consigo a disciplina. 

Gulías tamén subliñou a importancia da petanca á hora de "crear comunidade" e de "fomentar o pasar tempo xuntos e xuntas" a través dunha Liga que na súa campaña 2023/24 contará con 34 xornadas na que os conxuntos contendentes tratarán de arrebatarlle o cetro ao actual campión, o club Pote de Mourente.

Desde a organización, pola súa parte, sinalouse que "todos os xogadores, xogadoras e técnicos deberán vixiar para que prevaleza o xogo limpo durante toda a competición, o que implica algo máis que cumprir as normas do xogo, pois deben tamén mostrar amizade e respecto ao adversario, así como unha elevada ética deportiva".

Na súa intervención, José Luis Gallego quixo agradecer o labor do Concello no apoio loxístico e económico, lembrando que o que comezou "como un grupo de amigos" hai xa oito anos, hoxe medrou moitísimo.

"Hai un labor deportivo, mais tamén un social durante a Liga", subliñou, aproveitando para dar a súa opinión sobre o eterno debate: "A petanca é para a xente maior? En parte é verdade, temos unha media de idade de máis de 50 anos, pero estamos orientando e traballando en divulgar a petanca entre a xente máis moza, moi a modo, tendo contacto coas escolas e propoñéndolles que a petanca tamén se practique nestes centros colexiais polos nenos e nenas".

Comentarios