Xosé Simoes: "Non hai que asociar a petanca de competición coa xente maior"

Xosé Simoes (Vigo, 1966) é o presidente da Federación Galega de Petanca. O seu perfil é pouco habitual, pois raras veces un mandatario é, ao mesmo tempo, un dos practicantes máis destacados do deporte que dirixe, que no seu caso é unha petanca sobre a que aínda a día de hoxe sobrevoa ese estigma que a considera como "cousa de vellos".
O vigues non só é dirixente deportivo, senón tamén un xogador de nivel cunha traxectoria de décadas. (Foto: FGP).
photo_camera O vigues non só é dirixente deportivo, senón tamén un xogador de nivel cunha traxectoria de décadas. (Foto: FGP).

Todos os deportes, en maior ou menos medida, sufriron os efectos da pandemia. Cales foron as súas consecuencias nestes case dous anos sobre o mundo da petanca?

Moi diferentes en 2020 e no 2021. No primeiro foi onde máis nos prexudicou. Ese ano quedou todo paralizado até setembro, absolutamente todo. O único que se fixo foron as fases previas dos estatais e os propios Campionatos de España. No 2021 foi a cousa mellor, porque a Federación Galega xa organizou todos os campionatos que estaban programados, incluídas as ligas. O único que notamos foi unha perda de aproximadamente 17% de licenzas, e tamén que os torneos que organizaban os clubs non se chegaron a levar a cabo nin o primeiro. 

Cales son as perspectivas para este 2022 que acaba de comezar? 

Contamos con que varios dos clubs que non tramitaron licenzas o ano anterior retomen neste a súa actividade. Para iso, nós, desde a Federación, decidimos conxelar as cotas en 2022, logo de facer un recorte no importe das licenzas do ano pasado coa idea de intentar conservar esa xente que xa tiñamos e, ao mesmo tempo, de recompensar a aquelas persoas que en 2020 pagaran as súas cotas pero que case non tiveron actividade.

Sen esas achegas por parte dos clubs, e a pesar de que o calendario organizado pola Federación está saíndo adiante, o estado da petanca competitiva na Galiza non parece o mellor. Agarda que volvan, aínda que sexa progresivamente, esas competicións canceladas en 2021?

Haberá que agardar, pero sabemos de entidades que están interesadas e que xa están preguntando para poder organizar eses eventos, pero haberá que ir vendo como evoluciona a cousa a medida que vaia pasando o tempo. Desde logo, o noso calendario xa está aprobado en asemblea e publicado. A mediados de febreiro comezará a Liga, con grandes novidades como un novo grupo mixto na zona sur, así como outros pequenos cambios con respecto ao ano anterior. 

Cales son os torneos estrela que organiza a Federación?

A Liga sénior de Primeira nas súas distintas categorías, que se distribúe en Primeira, Preferente e División de Honra, que é a fase previa á liga estatal, onde o campión galego, xunto cos campións dos demais territorios, disputan unha fase final. Ese mesmo modelo replicámolo para as mulleres, pero só cun único grupo no que a campioa tamén vai disputar a Liga estatal. E despois temos a sénior Segunda Masculina, que conta cun par de grupos na zona norte e tres na sur, ademais dese novo grupo mixto que comentaba antes. Pero tamén quero destacar outras probas como o Campionato Galego de Nadal, que se adoita facer na segunda semana de decembro, e outra que cada vez ten máis participantes como é o Galego de Dupletas Mixtas, que ten moi boa aceptación. E fóra xa do que é o ámbito da Federación eu poría en valor o Internacional Concello de Vigo, integrado no circuíto estatal e que reuniu 400 e pico persoas que chegaron de Baleares, Cataluña, Madrid...

Sacaba antes o dato da redución do numero de licenzas nun 17% en 2021. Cale é o número de persoas federadas cos que conta o organismo que preside a día de hoxe?

O ano inmediatamente anterior andabamos arredor das 800 persoas, así que este a cifra debe estar polas 700-720 máis ou menos.

Son consciente de que é moi complicado de cuantificar alén das licenzas federativas, pero sabe aproximadamente canta xente xoga de modo regular á petanca na Galiza?

Temos coñecemento de sitios onde se xoga sen estar federados. Até hai pouco todo se centraba en Vigo e comarca, pero agora temos localizados puntos de xogo na Coruña, Negreira, Val do Dubra, Lugo, Sada, Ribadeo, a Contorna de Ferrol, Rúa de Petín e tantos outros concellos que mesmo se teñen posto en contacto con nós para informarse, pero que aínda non se federaron. 

O tópico asocia a práctica coa figura dun varón de idade avanzada. É certo? E de ser así, desde a Federación Galega están desenvolvendo algún tipo de iniciativa para ampliar a base de xogadores entre outros colectivos como xente máis nova, mulleres...?

Si, pero non é doado. É certo que hai un número importante de deportistas que son maiores, porque ademais esa é unha das vantaxes que ten este deporte, que permite practicalo até unha idade avanzada. Pero ollo, nas mellores competicións, nas de máis nivel, a idade media baixa até os 20 ou 30 anos. Porque hai que distinguir entre a xente federada e competitiva e a que practica a petanca como ocio. O problema tamén está en que nos medios sempre que se fala das pensións ilústrase a nova con fotos de xente xogando petanca no parque, pero esa non é a realidade da petanca competitiva. Unha simple procura de petanca en Youtube demostra o vivo que está este deporte e o que cambia o conto con como se adoita vender, pois non faltan os vídeos de xente nova xogando, probas con público nas bancadas... Por exemplo, o último Mundial masculino, feminino e xuvenil disputouse en Santa Susanna (Barcelona) e as bancadas estaban abarrotadas.

Comentarios