A petanca, o deporte que non discrimina

Reivindícase fuxindo dos estigmas que a asocian á terceira idade
Mulleres, xente nova... o Club Petanca Lugo é o exemplo de que os vellos paradigmas quedaron atrás no mundo da petanca. (Foto: Club Petanca Lugo).
photo_camera Mulleres, xente nova... o Club Petanca Lugo é o exemplo de que os vellos paradigmas quedaron atrás no mundo da petanca. (Foto: Club Petanca Lugo).

Nico ten 13 anos; David, 26; Elvis, 27; Hugo, 12... eles son algúns dos integrantes máis novos do Club Petanca Lugo, un equipo nado no ano 2017 no popular barrio da Milagrosa e que día a día encárgase de derrubar os tópicos que tradicionalmente se asocian a esta histórica disciplina

A escuadra lucense está integrada desde 2019 na Liga Xunta da Galiza, e máis concretamente na Segunda División Norte, na que xoga contra outro equipo de Lugo, o Muralla, Lalín, Val do Dubra, Negreira e Coruña. Un dos seus membros, David Fernández, 'Daffer' (28 anos) conversa con Nós Diario sobre o presente e o futuro dunha modalidade que o gran público asocia automaticamente coa terceira idade, algo que el se encarga de desmentir.

"Na Federación estatal máis de 80% de persoas con ficha teñen menos de 50 anos", apunta antes de recoñecer que a petanca "sufre moito polos prexuízos". "Igual que o golf ou o pádel poden ter esa imaxe de que son para xente pija, sobre nós pensan que somos de vellos, pero nada máis lonxe da realidade".

A proba está no seu propio club, "onde somos o único equipo con tres xuvenís de todo o país", resalta. Para levar a bo porto ese labor de captación, no Cidade de Lugo tratan de operar "do modo máis deportivo posíbel para que a xente, e sobre todo a mocidade, vexa que a petanca é un deporte como calquera outro, co seu regulamento, coas súas federacións que o avalan, adestrando moi duro polo menos dúas horas un par de días por semana... o que queremos é que a xente de Lugo e da Galiza coñeza a petanca e que saiba que estamos aí".

David resalta, a maiores, o feito de que para el a petanca é "o único deporte no que non hai discriminación de ningún tipo, pois poden xogar nenos con maiores, mulleres e homes, homes con discapacidade e sen, e por iso eu o considero o deporte inclusivo, intercultural e interxeracional máis importante do mundo".

"Só hai que superar o medo ao descoñecido", reclama, pois el mesmo recoñece que cando un compañeiro de mestrado lle comentou por vez primeira a posibilidade de ir xogar á petanca, tamén pensou que "era cousa de xente maior", pero "por suposto que non é así".

O anhelo dunha pista cuberta

En Lugo, segundo datos do Instituto Estatal de Meteoroloxía, chove unha media de 135 días por ano, de aí que unha das principais metas do Club Petanca Lugo (CPL) sexa que a cidade da Muralla conte cunhas instalacións baixo teito, para que os elementos non alteren o seu calendario competitivo nin os seus adestramentos.

"Necesitamos instalacións, non podemos xogar á petanca cando chove... e iso que somos o único equipo con 21 xogadores comprometidos para xogar a Liga, e nunha cidade onde ademais hai outro equipo", sinalan desde o CPL, estabelecendo unha comparación con localidades de menos poboación como é o caso de Lalín, "onde contan con oito pistas cubertas", ou con outras que non teñen entidades federadas pero si instalacións baixo teito, como Culleredo ou Monterroso.

"Este ano, por vez primeira, gravamos nas camisetas 'Xunta da Galiza-Deporte Galego' e 'Concello de Lugo-Deputación de Lugo', para que vexan que agradecemos as instalacións, pero os rapaces non poden adestrar coas pistas enchoupadas", conclúen. 

Comentarios