Lalín volve reunir o mellor da petanca galega no seu Open Internacional

O deporte das bólas medra cada vez máis alén da área de Vigo. Lalín acollerá o II Open Internacional deste deporte, na capital do Deza, os día 8 e 9 de abril.
Xogadoras e xogadores no I Open Internacional de petanca 'Cocido de Lalín', o ano pasado (Foto: Club Petanca Lalín).
photo_camera Xogadoras e xogadores no I Open Internacional de petanca 'Cocido de Lalín', o ano pasado (Foto: Club Petanca Lalín).

A petanca está medrando, nos últimos anos, a nivel galego. A súa área de influencia máis importante segue a ser a comarca de Vigo, coa propia cidade e os concellos de Redondela e Nigrán como referentes.

Porén, novos clubs e entidades deportivas espallan a súa práctica e, ademais, organizan eventos de calidade con xogadoras e xogadores de primeira liña. É o caso do Club Lalín que organizará, por segundo ano, o Open Internacional de Petanca na capital do Deza, os día 8 e 9 de abril.

O secretario do Club Lalín, Paulo Sousa, explica a Nós Diario que a súa entidade leva catro anos funcionando. “Naceu a iniciativa dun grupo de amigas e amigos, primeiro como unha liga local e despois a través da federación”, relata. Aproveitando o éxito do inicio fixeron un torneo para dar a coñecer a petanca na comarca. “En 2022 decidimos organizar o actual Open e traer o mellor deste deporte coa intención de difundilo”, asegura o lalinense.

O evento, malia a súa curta existencia,  xa se converteu no segundo de máis prestixio na Galiza, despois do que se realiza cada ano no Vao, en Vigo. Por este motivo entre as 57 persoas deportistas inscritas atópanse desde o subcampión mundial, Javier Cardeñas, até Pedro Fernández, Irene Bermúdez, Diana Castro ou Josito Guasch

Liga comezada

A liga galega de petanca comezou en febreiro e durará cinco meses. Tamén iniciou o seu percorrido a fase previa individual para os campionatos estatais nas categorías feminina, masculina e xuvenil.

Da mesma maneira iniciáronse as fases previas de tripletas en segunda categoría masculina e esta fin de semana comezará a feminina. O primeiro compromiso fóra da Galiza será o Campionato de equipos por Comunidades que terá lugar en Alacant (País Valencià) os días 22 e 23 de abril.

A nivel de clubs domina o panorama deste deporte, entre outros, o Petanca Ensino, que participa en moitas competicións internacionais. A esta entidade pertence o presidente da Federación Galega de Petanca, Xosé Lois Simoes, que recoñece o aumento do interese por este deporte.

“Desde hai uns cinco anos xa temos petanca en cidades como Lugo e A Coruña, ou mesmo no Val do Dubra e Cangas”, explica a Nós Diario, “e sabemos do interese doutros clubs, por exemplo no concello da Rúa, na comarca de Valdeorras”, engade. 

Mudar a imaxe

Simoes compaxina a presidencia da federación coa súa figura como árbitro e xogador no Ensino de Vigo. Neste último apartado é campión individual e participa no equipo campión de tripletas. Coñeceu a petanca con 14 anos acompañando seu pai e xa nunca a deixou.

“Podes estar en alta competición desde novo e até unha idade avanzada, sempre que leves ben a vista e estar varios días seguidos de competición”, sinala o vigués.

Agora, desde a federación, tentan mudar a imaxe deste deporte, que se relaciona só coa xente maior. Simoes pon como exemplo os anuncios sobre pensións, que “acostuman pór xente maior xogando á petanca nun parque” e afirma que deberían distinguir “entre lecer e alta competición. O actual campión mundial ten 22 anos”, recalca.

Comentarios