Unha polémica sanción afasta Susana Rodríguez de revalidar o ouro mundial en paratríatlon en Pontevedra

A viguesa cualificou de "vergoña" a decisión.

susana rodriguez

Susana Rodríguez Gacio ía directa a conquistar o seu quinto ouro, mais unha sanción considerada inxusta, sumada á falta de dilixencia dunha xuíz que non estivo áxil para atender a penalización, deixárona en prata.

Rodríguez e a súa guía Sara Loehr foron sancionadas no segmento de bicicleta por un suposto bloqueo (segundo Susana había espazo suficiente para adiantar) a un tándem masculino.

Mais o problema agravaríase aínda máis cando pararon para cumprir a sanción, a oficial que debía cronometrar a parada non estaba preparada para iso e Susana e Sara Loher perderon moito máis tempo do debido, quedando xa lonxe de pelexar polo ouro que finalmente acabaría conseguindo Franccesca Tarantelo. Susana entraría en meta segunda a 32 segundos da italiana.

“Na segunda volta viñeron uns mozos cun tándem, que son moito máis fortes que nós, adiantáronnos nuns segundos e fixérono pola dereita por que quixeron, porque había sitio polos dous lados, pero o xuíz oficial sacounos unha tarxeta a nós. Era a primeira vez que me pasaba na vida, pero eu sei que cando te sancionan tes que parar na seguinte área de penalti box, pero ao chegar alí a oficial estaba apoiada encima da mesa, dicíanos que alí non era, e tras perder non se canto tempo seguimos a carreira, pero eu xa estaba totalmente fóra mentalmente, non sabía nin canto tempo perderamos nin se me ían a descualificar”, comentou a destacada atleta galega.

Pontevedra está inmersa estes días no maior evento do tríatlon internacional. Tras unha espectacular inauguración, esta fin de semana ten lugar a competición oficial das diferentes categorías

Máis de 3.000 deportistas de 100 países diferentes coinciden estes días nun acontecemento que centra durante catro días a atención internacional na cidade do Lérez.

Comentarios