Pontevedra inaugura as Series Mundiais de Tríatlon, o maior evento internacional

A cidade do Lérez xa está inmersa no maior evento do tríatlon internacional. Tras unha espectacular inauguración, esta fin de semana terá lugar a competición oficial das diferentes categorías. A galega Susana Rodríguez Gacio podería coroarse outra vez en Paratríatlon.
A inauguración da final das Series Mundiais contou cun desfile de deportistas dos diferentes países participantes. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera A inauguración da final das Series Mundiais contou cun desfile de deportistas dos diferentes países participantes. (Fotos: Nós Diario)

Pontevedra iniciou esta quinta feira o evento deportivo máis importante da súa historia: a final das Series Mundiais de Tríatlon. Máis de 3.000 deportistas de 100 países diferentes coinciden estes días nun acontecemento que centrará durante catro días a atención internacional na cidade do Lérez. A cerimonia de inauguración tivo lugar onte e comezou cun desfile desde a praza da Ferraría até a praza do Concello coas comitivas de participantes polas rúas da cidade. Acompañadas polo grupo musical Os de algures chegaron até un gran escenario diante do monumento aos heroes de Ponte Sampaio, onde actuou Pablo Méndez Performances co seu espectáculo Atempo para logo rematar coa agrupación folclórica Celme. 

A achega musical continuará hoxe coa actuación de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre xunto con outras agrupacións folclóricas da cidade. Para o sábado está prevista a participación de De Vacas e, finalmente, o domingo será a quenda da música do gaiteiro Carlos Núñez. 

O percorrido

No aspecto deportivo, o trazado que se preparou en Pontevedra comeza con dúas voltas de natación para sumar un total de 1.500 metros, con saída na Ponte dos Tirantes, cunha transición a unha rápida e non excesivamente técnica parte de ciclismo de oito voltas (con 40 km en total) para  finalizar cunha carreira de catro voltas que sumarán 10 km até a liña de meta. 

Un dos momentos máis espectaculares deste deporte na cidade será o da natación. Os 1.500 metros a nado polo río Lérez, coas súas correntes e mareas, fan que ese tramo de competición se estudara previamente con moita atención. A nivel espectacular, por outra parte, o paso da competición pola zona monumental deixará, seguro, imaxes para lembrar.

A competición

Para a primeira cita importante destas finais haberá que agardar até o sábado ás nove da mañá co Paratríatlon. Nesta variante, a galega Susana Rodríguez Gacio procurará chegar ao podio unha vez máis para o país. A vixente campioa paralímpica exercerá de líder no Campionato do Mundo de Paratríatlon de Pontevedra e ademais farao como local, cunha lista xamais vista con até 16 representantes estatais. Os triatletas chegarán á proba de Pontevedra, que será a máis importante no ciclo de clasificación para París 2024, coa máxima determinación para cultivar os grandes resultados das últimas competicións oficiais e seguir afrontando o seu camiño aos Xogos Paralímpicos do vindeiro ano.

Para a cita de París tamén serán moi importantes os puntos que poida conseguir a participación de triatletas paralímpicos na copa do Mundo que terá lugar en outubro en Málaga (Andalucía) dentro do Test Event que se disputará nesa cidade. Nel disputarase tamén o ProTour Fetri, e unha proba máis do Phoenix Kids By Javi Gómez Noya onde se poderá ver de novo á canteira  estatal do tríatlon.

Despois do paratríatlón terá lugar a proba de Sub-23, con saída ás 14.20 horas. Nesta competición todas as olladas estarán postas en Esteban Basanta, o único representante local da cita internacional na cidade do Lérez. Xa pola tarde desenvolverase a proba masculina ás 17.30 horas. A conquista do título decidirase entre cinco candidatos: Vasco Vilaça (Portugal), Alex Yee (Reino Unido), Hayden Wilde (Nova Zelandia), Dorian Coninx (Francia) e o vixente campión Leo Bergere (Francia), aínda que matematicamente hai até oito deportistas que poderían gañar. 

A coroa mundial feminina, pola súa parte, sairá da competición que terá lugar o domingo ás 16.45 horas. Coas estrelas das Finais de 2022, Flora Duffy (Reino Unido) e Xeorxia Taylor-Brown (Reino Unido) fóra de combate por culpa das lesións, a vitoria en Pontevedra estará entre as triatletas Cassandre Beaugrand (Francia), Beth Potter (Reino Unido), Emma Lombardi (Francia) e Taylor Spivey (Estados Unidos de América), aínda que matematicamente hai até nove mulleres que poderían gañar o título.

Iván Raña no Salón da Fama

Coincidindo coas xornadas previas ao evento, o triatleta galego Iván Raña converteuse no primeiro deportista estatal en entrar no Hall of Fame (Salón da Fama) da Federación Internacional de Tríatlon, World Triathlon. Confirmouno a entidade nun acto previo ás Finais en Pontevedra. Raña, pioneiro deste deporte no Estado español, coroouse como o primeiro campión do mundo galego en 2002 e logrou tamén outros dous títulos de campión de Europa e un ouro no Mundial de Acuatlón, ademais de múltiples vitorias noutras probas e tres participacións en Xogos Olímpicos, nos que chegou a ser quinto clasificado en dúas ocasións (Sídney 2000 e Pequín 2008).

"Foi moi bonito e o discurso previo de Javi Gómez Noya ao que coñezo de fai máis de vinte anos emocionoume. Só podo dar as grazas e é moi especial que me dean o Hall of Fame aquí en Pontevedra, na miña casa", afirmou Raña durante o acto de recoñecemento.

Comentarios