A pesca submarina galega denuncia dificultades para practicar a disciplina

A Xunta leva máis de dez anos denegando as demandas da federación.
Mergullador no Sénior galego (Foto: Fegas).
photo_camera Mergullador no Sénior galego (Foto: Fegas).

“Pedimos a Europa estudos, informes para librar das restricións ao sector profesional, pero na nosa casa prohibimos zonas e días de pesca á pesca máis sostíbel, artesanal e de menor impacto, a pesca submarina”.

Con esta contundente mensaxe na súa conta de Facebook, a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (Fegas) denunciaba unha situación que consideran “prexudicial” para as persoas que realizan este deporte que, na Galiza, conta con perto de 4.000 licenzas. 

A eiva máis importante que padecen é a prohibición da súa práctica, cada ano, desde o 1 de outubro até o 1 de maio pola semana, quedando limitadas as saídas ao mar só para as fins de semana. O presidente da federación, Guillermo Ferreiro, explica a Nós Diario que esta circunstancia “causa un trastorno na pesca recreativa e tamén na pesca deportiva de competición”. 

Ademais da imposibilidade da propia práctica, contan con menos días de adestramento que o resto de deportistas a nivel estatal. Alén diso, considera que “o prexuízo chega tamén á contorna económica, como é o caso das tendas e os clubs náuticos”, que contan con menos días de actividades con presenza de público e deportistas. 

Outro problema é a imposibilidade de acceder a todas as zonas nas que, entenden, poderían pescar. “Sobre todo nas Rías Altas, onde nos obrigan a ter que acceder a mar aberto, coa difícil e perigosa situación que iso implica polo mal tempo que hai habitualmente”, considera Ferreiro.

A resposta “oficial” que lles dan desde a Xunta da Galiza é que son "zonas de reprodución dalgunhas especies", mais desde a federación confirman que “nunca sacamos peixes pequenos e vemos que se permite a pesca con cana ou desde embarcación".

A presión “dos votos”

O problema leva máis de dez anos enriba da mesa. Ferreiro explica que xa tivo conversas con tres responsábeis da Secretaría Xeral de Pesca desde 2009. “Primeiro foi con Juan Maneiro, despois con Mercedes Rodríguez e agora con Antonio Basanta”, relata o responsábel da federación, “a porta fechada, a Xunta da Galiza di que as confrarías son moitos votos e non queren meterse en leas”, engade.

Desde Fegas anuncian que, de non obter resposta ás súas demandas, convocarán unha manifestación de todo o sector profesional despois do verán. “Se non se amaña, levaremos os barcos en remolque e fecharemos Santiago”, advirte. Ademais, fixeron un chamamento para que as persoas que practiquen a pesca submarina "inunden as redes sociais" denunciando o que consideran unha discriminación.

"Non queren testemuñas das ilegalidades no mar"

A federación afirma "descoñecer as verdadeiras razóns" para que se rexeite de maneira tan contundente na Galiza a súa actividade deportiva durante todo o ano. Guillermo Ferreiro sospeita que un motivo podería ser que "debaixo da auga somos testemuñas dos palangres ou das nasas ilegais".

O responsábel federativo recoñece que en máis dunha ocasións a Inspección marítima preguntoulles "se vimos algo".  

Éxito deportivo

A federación considera “todo un logro” desta tempada, “malia a imposibilidade de adestramento que tiveron as nosas e os nosos deportistas antes de ter lugar a competición”. Fai alusión ao Campionato de España que decorreu do 16 ao 18 de xuño en Sanxenxo (O Salnés).

Nesta cita, conseguíronse uns resultados históricos en individual de pesca submarina, cun podio enteiro para a Galiza (Jacobo García, Ricardo González e Adrián del Río, respectivamente), e no feminino un ouro (Isabel Arroyo) e un bronce (Sandra Osorio).

Máis en DEPORTES
Comentarios