Miguel San Claudio, arqueólogo submarino: "Temos baixo as augas probabelmente a maior colección arqueolóxica do occidente europeo"

Miguel San Claudio Santa Cruz forma parte dunha familia moi relacionada co mar e co mergullo. Autor da tese sobre o espazo estratéxico que representou a nosa costa no século XVI, participou na recuperación recente de dous canóns en Corrubedo. Agora mesmo prepara a campaña para traballar no galeón de Ribadeo, que comezará no mes de xuño. Nesa vila ten previsto unha prospección no porto que conta con restos moi interesantes para entender os contactos marítimos no norte da Península Ibérica.
O arqueólogo submarino Miguel San Claudio, no centro, é o maior experto neste tipo de prospeccións (Archeonauta).
photo_camera O arqueólogo submarino Miguel San Claudio, no centro, é o maior experto neste tipo de prospeccións (Foto: Archeonauta).

De onde proceden os canóns que se atoparon?

Co apoio dos prestixiosos investigadores de pezas de artillaría do século XVI, Ribera e López, sabemos que son un canón e unha colubrina. O primeiro probabelmente fundido en Lisboa ou Sevilla despois de 1587 e da outra peza non está clara a súa fundición, mais é probábel que proceda de Flandes. Pola súa cronoloxía poderían pertencer á armada de Martín de Padilla aínda que para certificalo terían que facerse máis traballos sobre este xacemento.

As pezas atopáronse de maneira casual. A nosa costa debería contar cun proxecto serio de recuperación de xacementos mariños?

É unha pregunta que debería responder a Xunta da Galiza, a Dirección Xeral de Patrimonio para que expliquen os seus plans. Eu agora mesmo descoñézoos. O que si está claro é que estamos fronte á que quizais sexa á ruta comercial máis importante da historia da humanidade, nun tráfico constante entre o norte de Europa e o resto do mundo. Por suposto, nas nosas costas producíronse numerosos naufraxios. Ademais temos portos históricos que podemos remontar até a prehistoria, que conteñen unha gran cantidade de restos materiais. 

Facemos parte dun sitio privilexiado para o estudo do patrimonio cultural subacuático. Non sei os plans da Consellaría mais habería moito que facer. Estamos desaproveitando unha riqueza patrimonial que é practicamente única e que sería moi fácil de explotar. Estamos mellor que hai dez anos, mais deberiamos mellorar e compararnos a outros países de Europa.   

O traballo arqueolóxico nas costas galegas tería beneficios a nivel económico?

Por suposto. Temos baixo as augas probabelmente a maior colección arqueolóxica de todo o occidente europeo, e a máis accesíbel. Mais é algo que os nosos políticos non son capaces de ver.

Cales son os xacementos máis importantes localizados que se poderían traballar?

Un deles é no que estamos a traballar na actualidade, que é o galeón de Ribadeo, o Santiago de Galicia, onde todos os anos facemos unha campaña arqueolóxica, aínda que podería desenvolverse algo máis grande e continuado. Estabelecer naquela vila unha infraestrutura para a investigación do que sen dúbida é o galeón español mellor conservado do mundo, único en todo o planeta. Tamén temos a frota de Padilla que está na zona de Corcubión e Fisterra desde 1596. 

Contamos cunha riqueza impresionante de elementos pertencentes á navegación nese momento. Tamén está o Great Liverpool, un transatlántico de vapor de paletas tamén afundido naquela zona, mais que está a ser esnaquizado cada ano polo mar. A riqueza patrimonial que temos sería a envexa de calquera país do mundo.

Hai canteira de profesionais da arqueoloxía submarina?  

Non hai canteira por non contar con estudos aquí. Calquera que desexe ser profesional da arqueoloxía subacuática ten que ir estudar fóra. Non hai, polo tanto, quen asuma ese risco.

Teñen moitas dificultades para poder traballar?  

É máis complicado que en terra por necesitar moitos máis permisos e requisitos. Desde a propia Xunta, as administracións civís da mariña até a Armada española. Hai moito traballo burocrático previo ao desenvolvemento dunha campaña arqueolóxica que se realice no mar.

Comentarios