Malpica acolle o II Campionato "Trofeo Illas Sisargas"

A fotografía submarina como deporte

O domingo 18 de xullo, Malpica acolle o II Campionato 'Trofeo Illas Sisargas' de fotografía submarina. Este deporte conta cunhas características que mesturan as habilidades propias do mergullo coas da disciplina artística fotográfica. Toda unha experiencia para as persoas que o practican. 
Na fotografía deportiva submarina unha das modalidades é a de captar de perto a fauna do fondo marino (Tono García)
photo_camera Na fotografía deportiva submarina unha das modalidades é a de captar de perto a fauna do fondo marino. (Foto: Tono García)

O mergullo deportivo conta na Galiza con moito seguimento, sobre todo na modalidade de pesca submarina. Non tan coñecidas, aínda que non menos espectaculares, son as disciplinas relacionadas co mundo da imaxe nas que se combinan unha boa técnica e preparación física co dominio dos aparellos de reprodución. Dentro delas existen tres modalidades: a fotografía submarina, o vídeo submarino e a de "cazafoto" en apnea.

Dentro da primeira, este domingo 18 de xullo as augas da Costa da Morte serán testemuñas do II Campionato de Fotografía Submarina ‘Trofeo Illas Sisargas’ organizado pola escola de mergullo Malpica. En fotografía, ademais desta xornada, as seguintes citas galegas serán o 8 de agosto na Coruña e o 29 de agosto en Boiro. Se falamos de cazafotografía submarina en apnea, contaremos o 21 de agosto coa concentración oficial da selección galega desta modalidade nunha localidade aínda por confirmar.

O Trofeo Illas Sisargas

O responsábel de Mergullo Malpica, José Antonio García Montes 'Tono', leva toda a súa vida vinculado ao mar. De familia mariñeira, aos once anos iniciouse na pesca submarina e cando chegou á maioría de idade titulouse como mergullador profesional, labor na que traballou durante doce anos. En 2013 obtivo a titulación de instrutor e un ano despois abriu as portas de Mergullo Malpica, onde forma a novas e novos mergulladores e dá a coñecer os mellores recunchos submarinos do litoral malpicán. 

"A nosa competición é bastante sinxela, semellante ás saídas que realizamos aquí durante todo o ano", explica Tono a Nós Diario. Para esta edición contan con que haberá unhas oito parellas participantes. Teñen todo preparado, como son as balizas de seguridade e a presenza de protección civil, servizo médico e outros mergulladores de seguimento. "A xornada de competición comezará coas tarxetas formateadas das cámaras e unha primeira fotografía de apertura que decida o xurado", expón Tono, "logo serán dúas inmersións nas que as e os participantes poderán tirar un máximo de cen imaxes", engade.

Na proba é moi importante mudar o obxectivo da cámara a media competición para captar mellor as diferentes modalidades. "Polo de agora non contamos coa posibilidade dunha que non precise deste cambio, a non ser as pequenas dixitais", sinala Tono.  

As modalidades de imaxes fotográficas

As diferentes modalidades teñen as súas características. Luís Martínez, da Federación Galega de Deportes Subacuáticos (Fegas) tamén as practica. Explica a Nós Diario que nas de vídeo e fotografía submarina fanse con botella de aire e, aplicando a normativa, os campionatos son por parellas. "Buscan unhas zonas de mergullo que están identificadas con anterioridade e fan dúas inmersións de hora media cada unha", relata. Nelas, conta, "poden facer todas as fotografías que queiran mais escollerán seis das modalidades para valoración: peixe enteiro ou en parte, angular con mergullador, angular sen mergullador, temática proposta pola organización, o macro de aproximación e, por último, a foto libre". 

En vídeo submarino hai algunhas diferencias con relación á fotografía. "Neste caso hai varios días de competición no que nun deles o equipo ten tempo para realizar as gravacións subacuáticas e tomas auxiliares, e outro para facer a montaxe,  editalo e entregalo ao xurado", indica Martínez.

Na de cazafoto o equipo é moi semellante ao de pesca submarina e é individual sen botella. "Nesta modalidade búscanse cantas máis especies de peixe mellor por valorarse toda a colección que se entrega", informa este técnico da Federación. 

Para estas disciplinas do mergullo deportivo "non vale calquera", sinala Martínez, "teñen que ter certa experiencia para controlar a flotabilidade, do medio e tamén dependen da situación metereolóxica que atopen", engade. Contar coa luz tamén é fundamental polo que se buscan fondos de 15 metros aproximadamente xa que “canto máis fondo hai menos luminosidade, e máis no noso país, e menos tempo dura a botella”.

Comentarios