O Monbus Obradoiro torna nun vehículo para a promoción do galego

Acordo do club de ACB con Política Lingüística .
O Obra empregará a lingua nas súas redes sociais. (Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera O Obra empregará a lingua nas súas redes sociais. (Foto: Monbus Obradoiro).

O Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles asinaron un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do cal o equipo de baloncesto da Liga ACB pasará a promocionar o idioma galego nas súas redes sociais e nos partidos no Sar.

Lupe Murillo, membro do Consello de Administración do club, explicou que en canto coñeceron as intencións da Administración tiveron "claro" que querían "colaborar, xa que o Obradoiro é un excelente vehículo para transmitir non só os valores do deporte, senón tamén os da nosa lingua e cultura, cos que tanto nos identificamos".

Esta apostilou que "o obxectivo desta proposta é a promoción do galego desde o ámbito deportivo, e así o faremos, a través de diferentes accións. Ogallá cheguemos ao maior número de xente posíbel con esta campaña".

Daniel Agra, director de márketing do conxunto da capital, detallou os detalles dalgunhas das iniciativas que se levarán a cabo no marco deste acordo: "Ímonos centrar na promoción da música e nos e nas artistas galegas, e comezarémolo a facer a través do noso corpo técnico. Eles serán os primeiros que nos conten quen son as súas artistas e cancións favoritas en galego a través duns vídeos que subiremos ás redes sociais. A partir de aí buscaremos que sexa a nosa afección a que nos conte cales son as súas. Con todas estas achegas realizaremos unha lista en Spotify para que todas poidan acceder a este contido".

Xornada intersemanal na categoría de prata

Non na ACB, senón en LEB Ouro, milita o Leyma Básquet Coruña, que afronta unha intensa semana na que xogará dous partidos, sendo o primeiro deles xa no día de hoxe, ás 20.30 horas, contra Palencia Básket na casa dos casteláns. 

Comentarios