A permanencia na ACB, en xogo no Zaragoza-Obradoiro

Partido chave para os intereses dos da capital.
O Obra vestiu as cores galegas cos nomes das protagonistas das Letras Galegas (Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera O Obra vestiu as cores galegas cos nomes das protagonistas das Letras Galegas (Foto: Monbus Obradoiro).

O concepto de final anticipada é un deses dos que se adoita abusar no xornalismo deportivo, pero se algo encaixa no concepto de "final anticipada" e o Casademont Zaragoza-Monbus Obradoiro que se disputará esta cuarta feira ás 21.30 horas en territorio maño. O rival dos composteláns ocupa a penúltima posición con oito triunfos, tan só un menos que un Obra que se sitúa na quinta posición pola cola, o que dá unha idea da transcendencia do duelo galego-aragonés.  

Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro, mostrouse preocupado polo enfrontamento cun Zaragoza "que pelexa cada partido aínda que non teña opcións de vitoria". "É un equipo que ten moitísimo potencial, con xogadores cunha experiencia e calidade tremenda, e iso é o que fai aos equipos", engadiu.

O técnico destacou que os seus homes "tentarán explotar as súas virtudes", e que para gañar deberán facer "unha boa lectura da súa defensa e ser moi bos no rebote e en todos os aspectos básicos do xogo, como a transición defensiva ou o 1x1".

Neste segundo partido consecutivo como visitantes para os obradoiristas, Moncho Fernández revelou que chegan "coa mesma idea" coa que veñen traballando "en todos os partidos fóra da casa", pois "aínda que é certo que moitos deles se definiron a cara ou cruz, e até o de agora saíu cruz en Tenerife, Gran Canaria, Lugo ou Fuenlabrada, perdendo por unha canastra na última xogada", desexa que o bloque se enfoque "en todo aquilo que foi quen de facer ben, como a demostración de capacidade competitiva que exhibimos, chegando a reengancharnos a partidos nos que estabamos 20 puntos abaixo".

O ala pivote Álex Suárez comparte a lectura do seu adestrador, e se ben recoñece que o Zaragoza-Obradoiro é "unha final", pensa que se demostran de novo o nivel "da segunda metade ante Fuenlabrada", poderán "competirlle a calquera rival".

Ensino visita Araski

Durán Maquinaria Ensino afronta o penúltimo choque da tempada no Polideportivo Mendizorrotza de Vitoria-Gasteiz ás 20 horas de hoxe. Alí agarda Kutxabank Araski, un equipo empatado a 11 triunfos co galego na zona morna da clasificación, sen máis obxectivo que despedir do modo máis digno posíbel a Liga Endesa feminina.

Comentarios