Fútbol sala

O Noia retoma a actividade despois de máis dun mes para medirse co Osasuna

Debut no Agustín Mourís do novo dúo de preparadores da escuadra galega.
Cossío é, xunto con Palmas, o novo adestrador do Noia Portus Apostoli. (Foto: Noia Portus Apostoli).
photo_camera Cossío é, xunto con Palmas, o novo adestrador do Noia Portus Apostoli. (Foto: Noia Portus Apostoli).

A pelota volverá rodar na Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) 32 días despois da última vez, cifra que se eleva até os 53 no caso do Agustín Mourís, onde xoga os seus partidos como local o único representante da Galiza na elite masculina estatal, Noia Portus Apostoli.

A escuadra galega, logo da parada máis longa da tempada, retoma a actividade fronte Osasuna Magna no primeiro dos dous partidos que lle agardan esta semana, iniciando así o tramo decisivo da campaña tan cedo como esta cuarta feira ás 20 horas.

Durante este mes, o primeiro equipo branco traballou sen descanso coa meta de asimilar os conceptos da nova metodoloxía dos técnicos David Palmas e Manu Cossío, que substituíron o destituído Tomás de Dios.

A súa misión non é outra que sacar o Noia dos postos de descenso, pois ocupa a penúltima posición con 14 puntos, os mesmos que Ribera Navarra, que si estaría salvado, tendo en Osasuna Magna un duro contrincante, pois a formación pamplonesa foi a gran sorpresa do primeiro tramo de campionato, obtendo unha sorprendente clasificación para a Copa de España logo de rematar no oitavo posto.

Con todo, os principais perigos dos navarros, por sorte para o Portus Apostoli, non viaxarán até terras galegas, xa que Fabinho e Linhares, autores de 18 goles, son baixa por sanción e lesión, respectivamente. O primeiro deles é de triste recordo para o Noia, xa que no envite disputado en Anaitasuna foi o seu verdugo após materializar coa man o tanto do triunfo de Osasuna no último segundo.


Nacho García substitúe Gallego á fronte do Parrulo

Xornada de intensísima actividade no seo do Parrulo Ferrol, un dos dous representantes do país na Segunda División masculina de fútbol sala, pois en pouco máis de 12 horas anunciou, por sorpresa, a marcha do seu adestrador, José María Filgueira García, Gallego, e a chegada de Nacho García para ocupar o seu lugar.

A marcha de Gallego foi, segundo a escuadra ferrolá, por "motivos persoais", deixando o equipo no sexto posto, a dous puntos do quinto, que dá dereito a participar no play-off de ascenso. Esa será a única meta do seu relevo, Nacho García, un home da casa que afronta o reto "con moitas ganas e ilusión".

Comentarios