O Noia Portus Apostoli destitúe Tomas de Dios

A mala situación na táboa foi determinante.
O técnico deixa o equipo na penúltima posición.  (Foto: LNFS).
photo_camera O técnico deixa o equipo na penúltima posición. (Foto: LNFS).

O salmantino Tomás de Dios xa non é o adestrador do Noia Portus Apostoli, o único equipo galego que milita na Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS), a máxima categoría a nivel estatal.

Así o anunciou o club nun comunicado, onde revelaba que a directiva tomou a decisión de relevalo do seu posto "na tarde" de onte. "Ante a situación deportiva actual, consideramos necesario realizar un cambio", engadiu na súa nota o Consello de Administración do Noia, explicando que a medida foi "moi difícil" e "meditada", e sempre "buscando o mellor para a entidade".

Esta movemento non pode coller por sorpresa a ninguén que siga a actualidade dun conxunto noiés que está vivindo o seu momento máis complicado desde que lograra o ascenso a finais de marzo do ano 2022.

Na presente tempada, baixo a dirección dun Tomás de Dios que chegou ao cargo en xuño de 2023 para substituír Marlon Velasco -o home responsábel tanto da permanencia na elite na 2022/23 como do antedito ascenso na 2021/22, e que puxo rumbo a Casaquistán logo de que o Kairat Almaty pagase a súa cláusula de rescisión-, o Portus Apostoli non conseguiu atoparse a si mesmo en ningún momento, como demostra a súa condición de penúltimo clasificado con só 14 puntos en 16 partidos disputados.

Con unicamente catro triunfos na súa conta particular, a situación deportiva agravouse nas últimas semanas, e nin sequera a sólida vitoria ante un bo conxunto como é Inter (6-3) no penúltimo xogo con De Dios á fronte do equipo puido maquillar os tropezos contra rivais directos na pelexa pola salvación como o Real Betis Balompié. 

No referente ao seu substituto, a formación galega aínda non oficializou un nome, e non semella que iso vaia acontecer nas próximas horas, dado que o seu próximo choque ligueiro non será até o 13 de xaneiro, cando recibirá o Córdoba Patrimonio da Humanidade no Agustín Mourís no marco da décimo sétima xornada.

Iso libera de presión o director deportivo, Javier Barreiro, que  ademais traballa na incorporación de reforzos na área futbolística, e está previsto que a maiores do prometedor arxentino Mati Bonano -asinado a finais de decembro- chegue a Noia o brasileiro Douglas Silva, cedido no Uruguaianense gaúcho.

Comentarios