Marlon Velasco, arquitecto do Noia Portus Apostoli, marcha do club

O técnico fecha un brillante ciclo de case cinco anos
O técnico Marlon Velasco (Foto: Noia Portus Apostoli),
photo_camera O técnico Marlon Velasco (Foto: Noia Portus Apostoli),

Marlon Velasco non continuará sendo o adestrador do primeiro equipo do Noia Portus Apostoli, o único equipo galego na Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS). O preparador pagou a cantidade estipulada como cláusula de rescisión para pór fin anticipadamente a un contrato que concluía en 2025.

Remata así un ciclo brillante, iniciado en outubro de 2018, no que asumiu os mandos dun conxunto que loitaba por evitar o descenso a Segunda División B e que fecha uns días despois de disputar o play-off polo título de Primeira División ante o vixente campión de Europa.

Velasco pagou a súa cláusula de rescisión

Da súa man, a escuadra noiesa experimentou unha notoria evolución, profesionalizando a actividade do seu primeiro equipo e conseguindo éxito tras éxito, algún deles impensábeis. Nos seus catro anos e medio á fronte do Portus Apostoli logrou un campionato de Segunda División, o ascenso á máxima categoría, dúas copas da Galiza consecutivas e as clasificacións para a Copa do Rei e o play-off da LNFS.

Desde o seu xa ex equipo expresaron o seu "agradecemento" a Marlon Velasco "por tantos anos de traballo incansábel e de dedicación ao club", desexándolle "o mellor tanto no persoal como no seu novo reto profesional".

Aínda que non quixo revelar cal será o seu destino, na súa rolda de prensa de despedida do Noia Velasco recoñeceu que ten enriba da mesa "unha proposta de traballo" que lle permitirá "dar un paso máis" na súa carreira.

Luces e sombras para Burela e O Parrulo

A unirse a Noia Portus Apostoli na LNFS optaban O Parrulo e Burela, pero os de Ferrol quedaron eliminados da promoción polo Alzira, mentres que o Burela superou Sala 10 de Zaragoza e agora debe facer o propio co verdugo do Parrulo na rolda decisiva se quere ascender.

Comentarios