Fútbol | 2ª División

Nico Serrano, a esperanza do Rácing

Os Diaños verdes presentaron o substituto de Carlos Vicente.
Serrano (á dereita), onte na sala de prensa do conxunto ferrolán acompañado por Manuel Ansede, presidente do club. (Foto: Rácing Club Ferrol).
photo_camera Serrano (á dereita), esta segunda feira na sala de prensa do conxunto ferrolán acompañado por Manuel Ansede, presidente do club. (Foto: Rácing Club Ferrol).

O adeus de Carlos Vicente foi unha desas baixas que, como diría a miña filla, fan "pupa". Esta segunda feira, tres semanas despois do seu adeus, o Rácing de Ferrol presentou o que está chamado a ocupar o enorme oco deixado polo zaragozano, Nico Serrano. 

O peso de Carlos Vicente nos esquemas do técnico Cristóbal Parralo era innegábel. O extremo xa fora peza chave no ascenso da tempada pasada, participando como titular en todos os partidos de Liga, pero a súa verdadeira explosión produciuse durante esta primeira volta da Segunda División, cun rendemento que non pasou desapercibido a numerosos clubs da máxima categoría.

Formacións como Valencia, Cádiz, Raio Vallecano e mesmo o propio Celta de Vigo manifestaron o seu interese por facerse cos seus servizos, pero finalmente foi o Alavés de Vitoria quen puxo enriba da mesa 0s 600.000 euros da súa cláusula de rescisión e levou o xogador, que esta pasada fin de semana demostrou que a Primeira non lle queda grande sendo o mellor dos vascos e peza chave para que conseguisen rachar cunha xeira de máis de 800 días sen gañar a domicilio.

O baleiro deixado era demasiado grande para que o cubrisen unicamente entre Nacho Sánchez ou Vadillo, polo que acudir ao mercado era fundamental. E aí é onde emerxe o nome do pamplonés Nico Serrano.  

Zurdo, e internacional en categorías inferiores, aos seus 20 anos chega a Ferrol cunha ampla experiencia ás súas costas no equipo da súa vida, o Athletic de Bilbao, co que chegou a disputar até 14 partidos en Primeira División durante a tempada 2021/22.

Non obstante, o adeus de Marcelino e a chegada de Ernesto Valverde ao banco dos leóns cortou de raíz os seus minutos na elite, optando por unha cesión no Mirandés da Segunda División, no que tampouco contou con demasiadas oportunidades, historia que se repetiu no Zwolle da Eredivisie neerlandesa, onde militou até que este domingo o Athletic decidiu pór fin ao seu préstamo e poñelo rumbo á Galiza.

No Rácing, o extremo terá ocasión de reivindicarse, como salientou na súa presentación: "No Mirandés freoume unha lesión, pero aquí estarei ao 100% fisicamente e con desexos de axudar". 

Comentarios