Fútbol

É este o mellor Rácing de Ferrol de todos os tempos?

Héber Pena abre o debate sobre se o actual equipo é o número '1' na historia dos Diaños Verdes.
O Rácing, a día de hoxe, está instalado no 'play-off' de ascenso. (Foto: LFP).
photo_camera O Rácing, a día de hoxe, está instalado no 'play-off' de ascenso. (Foto: LFP).

A Racingmania é total é absoluta en Ferrolterra. Xa estaba desatada desde as últimas xornadas da tempada pasada, cando os bos resultados do equipo volveron encher de seareiros e seareiras as bancadas da Malata, nun apoio que levou en voandas o equipo até o anhelado regreso á Segunda División tras 15 anos de ausencia.

Non obstante, o espectacular rendemento que están ofrecendo os Diaños Verdes neste retorno triunfal á categoría de prata, na que logo das 15 primeiras xornadas ocupan a quinta posición con 26 puntos, a tan só dous da segunda praza e, polo tanto, instalados na zona de play-off de ascenso á Primeira División, levou Héber Pena a cuestionarse se este non será "o mellor Rácing da historia".

O veterano extremo ferrolán de 33 anos manifestou esta semana, recollendo o premio que o distingue como o xogador máis destacado da escuadra departamental durante o mes de outubro, que considera un "orgullo" formar parte do que para el era "o momento máis importante" do club na "historia recente", aínda que recoñeceu que non sabía se tamén "de todos os tempos".  

Mais, está no certo Héber Pena?  Con respecto á "historia recente", si, a actual xeración é a mellor con diferenza. Para atopar uns resultados comparábeis aos presentes hai que remontarse até a campaña 2001/02, cando a estas mesmas alturas de campionato, é dicir, despois de 15 xornadas disputadas, o Rácing, dirixido por aquel entón por Luís César Sampedro estaba instalado na cuarta posición, mais con 24 puntos. Aquel equipo asinaría unha cómoda permanencia; porén, concluiría noveno, lonxe dos postos de ascenso.

E, sobre se o da 2023/24 é o mellor rácing de todos os tempos, a cuestión xa admite máis matices, porque a entidade ferrolá militou na Segunda durante 33 anos de forma practicamente ininterrompidos, unha xeira extraordinaria tan só cortada por un esporádico descenso en 1943 e outro en 1960.

Durante ese tempo, os Diaños Verdes lograron o subcampionato do Trofeo Nacional de Fútbol -competición homologábel á actual Copa do Rei que foi a primeira que se disputou logo do final da guerra civil española-, levantou o Teresa Herrera de 1967 e en varias ocasión estivo cerca de lograr un ascenso á elite que se lle resiste, especialmente en 1940, 42, 48, 52 e 69, polo que só o tempo dirá se este chega a ser o Mellor Rácing da Historia. Así, con maiúsculas.

Comentarios