Músculos galegos fornecen as tripulacións das mellores traiñeiras de Euskal Herria

As embarcacións vascas fichan vogadores da Galiza.
A traiñeira vasca de Zierbana é a que máis vogadores galegos ten, á marxe das embarcacións da Galiza. (Foto: Aitor Arrizabalaga / ACT)
photo_camera A traiñeira vasca de Zierbana é a que máis vogadores galegos ten, á marxe das embarcacións da Galiza. (Foto: Aitor Arrizabalaga / ACT)

Rematada unha nova tempada de traiñeiras xa se traballa na seguinte, tanto no que atinxe á LGT, Liga Galega de Traiñeiras, como á da ACT, onde compiten a 'elite’ das embarcacións do Estado. Nesa exixente competición haberá a vindeira tempada dúas traiñeiras galegas en categoría masculina, Cabo de Cruz e Meira; e outras tantas na feminina, Cabo e Tirán. 

Mais en ambos os dous casos a presenza galega non se limita ás embarcacións da Galiza que compiten nestas ligas. Desde hai anos, remeiros e remeiras galegas fan parte de tripulacións de traiñeiras vascas, 'fichados' para reforzar uns planteis cada vez máis competitivos e exixentes.

Importancia

Así, se ben na Liga ACT masculina só hai dúas traiñeiras galegas —dun total de 12—, a presenza de remeiros galegos dáse en sete embarcacións. 

Para alén das embarcacións da Galiza, hai músculos galegos a vogar nas traiñeiras vascas de Ondarroa, Urdaibai Santurtzi, Orio e Zierbana. Nas tres primeiras esa presenza limítase a un remeiro mentres que no caso de Zierbana, son catro: dous deles do Grove, un da Coruña e un de Vigo. Esta presenza non é nova, desde logo.

Na tempada de 2017 oito dos doce barcos que competían nesta Liga ACT tiñan galegos no seu plantel embora só tres embarcacións eran da Galiza. Eran, daquela, 14 remeiros en traiñeiras non galegas, cifra que na última tempada baixou a unha decena. Na actual ACT só hai cinco barcos sen ningún galego a bordo: Hondarribia, Donostiarra, Getaria, Lekitarra e Kaiku.

Feminina

Maior presenza galega hai na elite do remo feminino. Na tempada que se despide non había ningunha traiñeira galega competindo —si haberá en 2023, Cabo e Tirán—. Mais das catro embarcacións vascas que disputaron a última Liga feminina, tres contaban con presenza de remeiras galegas.

A gañadora da tempada, Orio, ten tres vogadoras da Galiza. O mesmo número que teñen as traiñeiras de Arraun Lagunak e Ur Kirolak.
“En Euskal Herria o remo vívese dun xeito moi especial e moi distinto a aquí", confesa a Nós Diario Nerea Cerqueira, remeira da traiñeira de Chapela, que en setembro pasado participou na regata da Kontxa, a 'copa do mundo' das traiñeiras.

Sandra Piñeiro, de Boiro, levaba desde 2018 vogando na traiñeira de Orio, a onde chegou procedente da embarcación de Cabo de Cruz. Sabe ben o que é gañar ligas de remo e salienta que as facilidades para vogar en Euskal Herria son moito maiores que na Galiza, así como o ambiente co que se vive este deporte. "O remo non é só un deporte. É unha cultura.

Cada pobo costeiro vasco víveo dunha maneira incríbel, cheo de bandeiras e ese ambiente non se vive noutros sitios. Mesmo até a xente te recoñece pola rúa. Todo isto non significa nin que sexan mellores nin peores, senón simplemente diferentes”, manifesta.

David Fernández, de Ferrol, voga na traiñeira de Ondarroa. "Teño envexa sa, como galego gostaría que houbese o mesmo sentimento que aquí", confesa, a respecto de como se viven as traiñeiras nese país. 

Un deporte en auxe e coas mulleres gañando presenza

Non hai tantos anos, pensar nunha traiñeira feminina era, simplemente, imposíbel. Este era un deporte asociado á forza e masculinidade onde as mulleres non tiñan cabida. Iso mudou e hoxe en día na Galiza cada vez máis clubs teñen unha embarcación de mulleres. Na Liga Galega de Traiñeiras feminina que finalizou en setembro participaron nove embarcacións, todo un récord e o mellor exemplo do que evoluiu nestes anos.

Comentarios