Nerea Cerqueira é remeira da traiñeira de Chapela

Nerea Cerqueira: “En Euskal Herria o remo vívese dun xeito moi especial e moi distinto a aquí"

A pasada fin de semana, a traiñeira galega do club de remo de Chapela participou na regata da Kontxa, coñecvida como a Olimpiada do Remo. As redondelás deron boa conta do seu potencial e remataron segundas na segunda xornada e sétimas na xeral, o que lles permitiu sumar un novo éxito para o remo galego. Nerea Cerqueira e as súas compañeiras demostraron que non teñen nada que envexar ás remeiras de Euskal Herria.
Nerea Cerqueira, sexta de pé pola esquerda, xunto ás súas compañeiras e adestrador. (Foto: C.R. Chapela)#deportes #remo #regata #traiñeiras #nereacerqueira
photo_camera Nerea Cerqueira, sexta de pé pola esquerda, xunto ás súas compañeiras e adestrador. (Foto: C.R. Chapela)
-Como viviu as dúas xornadas de competición? 

Do primeiro día recordo o nerviosismo que sentíamos, mais era do bo, porque saiamos de primeiras, sen ningunha referencia, e até que rematou a regata non tiñamos nin idea do resultado nin de se estabamos clasificadas. Estabamos moi nerviosas. Na primeira xornada as cousas non saíron como esperábamos por eses nervios e tamén porque non nos adaptamos a remar a dous, xa que na Galiza o habitual é remar a catro. Na segunda as cousas xa foron moito mellor. As ondas da praia da Concha acompañáronnos e puidemos amosar o noso verdadeiro nivel e a nosa técnica de remada.

-Que foi o primeiro que se lles pasou pola cabeza unha vez puideron baixar da traiñeira na segunda xornada?

A verdade é que foi un cúmulo de sensacións moi emocionantes. Sobre todo, por ver e sentir a ledicia e o ánimo de toda a xente que se acercara a desfrutar da nosa proba; do noso adestrador e do resto de compañeiras que quedaron en terra. Tamén das nosas seareiras, que nos apoiaron desde o primeiro momento. A verdade é que en Euskal Herria o remo vívese dun xeito moi especial e moi distinto a aquí. Nós estábamos que non collíamos da felicidade e do orgullosas que estábamos. Foi un ano difícil. Durante o verán estivemos até dúas veces confinadas. Na Liga galega non puidemos facelo como nos gustaría. Participar na Kontxa foi o premio de final de tempada. O feito de clasificarnos xa foi un soño.

-O seu club caracterízase por unha gran aposta pola canteira. Que cre que é o que caracteriza ao equipo?

Levamos practicamente toda a vida remando xuntas, xa que precisamente a maioría de nós somos canteiráns do club. Hai unha mestura de idades e xeracións. Eu teño dezanove anos, e tanto comparto equipo con rapazas de dezaseis como con rapazas de trinta ou corenta. Esa é a nosa principal característica, que vencellamos á experiencia e a técnica coa novidade e a forza. Por iso o noso seguinte obxectivo e intentar manter o bloque que conformamos e o ano que vén afianzar e igualar os éxitos conseguidos neste, mais, se se pode, intentaremos melloralos.

-Pensa que as deportistas galegas contan co apoio suficiente por parte das institucións?  

Penso que, en xeral, o remo está considerado como un deporte minoritario e bastante esquecido. Mais dentro do que é o noso ámbito creo que estamos bastante igualadas con respecto os nosos compañeiros homes. E o mesmo se pode dicir para as seareiras. Penso que non nos podemos queixar da xente que nos vén animar xa que son incríbeis e dano todo por nós. Viñeron até a praia da Kontxa, en Donostia, para vernos e apoiarnos. O que si é certo é que aos homes dáselles habitualmente maior importancia e relevancia e eu penso que as mulleres movemos ao público igual que eles. Algo que si melloraría en canto ao apoio institucional é que deberiamos ter unha maior preparación en canto a normativas e estilos de remada que se empregan en lugares como Euskal Herria, para poder levar aínda máis lonxe o deporte feminino galego.

-Vostede pensa que éxitos deportivos como o que obtiveron nesta fin de semana pode chegar a motivar a que outras rapazas máis novas lles tomen como exemplo para o futuro?

Penso que non somos realmente conscientes desa situación e a min emocióname pensar que podemos chegar a servir de exemplo a seguir para algunha rapaza. A verdade é que en Chapela contamos cunha canteira moi ampla, e iso fai que sexa aínda máis especial pensar que algunha nena queira seguir os nosos pasos.

Comentarios