Fútbol

Arabia Saudita, a elixida para 2034: un novo "Mundial da vergoña"?

"Mentres vivimos nun mundo cada vez máis dividido e agresivo, mostramos unha vez máis que o fútbol, deporte líder mundial, une como nada máis o fai", xustifica o presidente da FIFA, Gianni Infantino.
Leo Messi recibindo de mans de Gianni Infantino a Copa do Mundo de 2022 ante a atenta mirada do emir de Qatar, Tamim ben Hamad Al Thani. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera Leo Messi recibindo de mans de Gianni Infantino a Copa do Mundo de 2022 ante a atenta mirada do emir de Qatar, Tamim ben Hamad Al Thani. (Foto: AFP7 / Europa Press)

A FIFA, organismo reitor do fútbol a nivel internacional, foi moi criticada o ano pasado por decidir organizar a Copa do Mundo en Qatar, un país onde non se respectan dereitos humanos elementais. E agora, e facendo bo ese axioma de que o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, vén de conceder a edición de 2034 a Arabia Saudita, veciño dos qataríes recoñecido tamén polas súas violacións dos dereitos humanos e a falta de liberdades.

O presidente da FIFA, Gianni Infantino, confirmou a última hora desta terza feira que o Mundial masculino do ano 2034 decorrerá neste país, logo de que a Federación Australiana renunciase a presentar a súa candidatura malia explorar a "oportunidade" e "ter en conta todos os factores". "Chegamos á conclusión de non facelo", apuntaron.

"O mellor espectáculo da Terra será organizado por Canadá, México e Estados Unidos, en América do Norte, en 2026. As próximas dúas edicións da Copa Mundial da FIFA serán en África (Marrocos) e Europa (Portugal e España), con tres partidos de celebración xogados en Sudamérica (Arxentina, Paraguai e Uruguai), en 2030; e en Asia (Arabia Saudita), en 2034", ratificou Infantino, desde a súa conta oficial en Instagram.

Tres edicións, cinco continentes e dez países involucrados nos partidos da competición. "Iso está a facer que o fútbol sexa verdadeiramente global", celebrou Infantino, que proseguiu: "Os procesos de candidatura foron aprobados por consenso a través do Consello da FIFA, onde están representadas as seis confederacións, despois dun diálogo construtivo e amplas consultas. Grazas a todos os que participaron neste intercambio positivo".

Neste senso, o máximo responsábel do organismo reitor do fútbol internacional engadiu que o deporte rei "une o mundo como ningún outro deporte, e a Copa Mundial da FIFA é a mostra perfecta para unha mensaxe de unidade e inclusión, ademais de proporcionar unha ilustración importante de como as diferentes culturas poden estar xuntas e aprender e entenderse mellor únalas ás outras".

"Mentres vivimos nun mundo cada vez máis dividido e agresivo, mostramos unha vez máis que o fútbol, deporte líder mundial, únese como nada máis o fai. Todos necesitamos estas ocasións de unidade e as próximas Copas Mundiais da FIFA proporcionan unha forza única para o ben neste sentido", concluíu Infantino.

A pegada de Qatar

Entidades sociais exixiron indemnizar os milleiros de traballadores que sufriron explotación laboral durante a construción das infraestruturas do Mundial de Qatar coa mesma contía que se destinou a premios durante o torneo, 440 millóns de dólares. Porén, a FIFA e outras federacións como a española deron a calada por resposta mentres Gianni Infantino reduciu a defensa dos dereitos fundamentais a "batallas ideolóxicas" que pediu evitar.

"É lamentábel, porque é mentira. Non estamos a falar de política, senón de dereitos humanos. En Qatar as mulleres son cidadás de segunda, e as persoas homosexuais deben ocultar a súa orientación sexual. Iso non é política, son cousas básicas e moi serias", censuraba o pasado ano en declaracións a Nós Diario Ángel Gonzalo, portavoz de Amnistía Internacional.

Comentarios