A FIFA cede ás presións de Qatar: cartón amarelo a quen leve o brazalete co arco da vella

"Isto vai contra o espírito do noso deporte, que conecta millóns de persoas. Analizaremos de maneira crítica a nosa relación coa FIFA no próximo período", advirten as federacións de Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Gales, Inglaterra, Países Baixos e Suíza.
Harry Kane, capitán da selección inglesa, co brazalete 'One Love'. (Foto: Nick Potts / PA Wire)
photo_camera Harry Kane, capitán da selección inglesa, co brazalete 'One Love'. (Foto: Nick Potts / PA Wire)

A persecución da comunidade LGBT en Qatar está a resultar unha cuestión central no inicio do Mundial de fútbol. As seleccións nacionais de Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Gales, Inglaterra, Países Baixos e Suíza prometeran que os seus capitáns portarían o brazalete One Love, coas cores do arco da vella.

A FIFA tentara impedir esta campaña reivindicativa e instara por medio dunha carta as 32 federacións de fútbol participantes no torneo a "concentrarse no fútbol" e "non permitir que se vexa arrastrado a todas as batallas ideolóxicas ou políticas que existen". Agora, coincidindo co inicio do Mundial, dá un paso máis na súa defensa do réxime qatarí.

Segundo expoñen estes sete equipos nun comunicado conxunto publicado nas últimas horas, a FIFA "deixou claro oficialmente que o capitán recibirá un cartón amarelo se leva o brazalete One Love". "Lamentamos profundamente que non fose posíbel chegar xuntos a unha solución razoábel", engaden.

As sete federacións manteñen o seu "compromiso" coa mensaxe One Love e todo o que representa, algo que continuarán difundindo. Porén, lamentan, "a prioridade número un de calquera equipo é gañar partidos", polo que fan énfase no "prexuízo" que suporía "que o capitán comece o partido con cartón amarelo", tendo en conta, aliás, que só sete dos 32 equipos participantes se comprometeran con esta campaña.

Desde a Federación de Fútbol dos Países Baixos apuntan tamén, como xa avanzaran en semanas anteriores, que "pagarían unha posíbel multa económica por portar o brazalete", mais agora consideran desproporcionado o castigo imposto pola FIFA.

"Isto vai contra o espírito do noso deporte, que conecta millóns de persoas. Canda os demais países involucrados, analizaremos de maneira crítica a nosa relación coa FIFA no próximo período", advirten os neerlandeses.

Infantino: "Hoxe síntome qatarí, síntome gay"

Este anuncio chega dous días despois de que o presidente da federación internacional, Gianni Infantino, pronunciase unhas polémicas palabras após ser preguntado pola vulneración de dereitos humanos en Qatar: "Hoxe síntome qatarí, síntome árabe, síntome africano, síntome gay, síntome traballador migrante".

Acto seguido, cualificou de "hipocrisía" as "leccións morais" feitas desde Europa. "O que está a suceder nestes momentos é profundamente inxusto. As críticas ao Mundial son hipócritas. Os europeos deberiamos disculparnos polo que fixemos durante os últimos 3.000 anos antes de dar leccións morais a outros [...] Qatar está listo para organizar a mellor Copa do Mundo da historia", dixo, eludindo responder á pregunta concreta sobre os abusos producidos na última década no país árabe.

Comentarios