Qatar, último membro de honra na longa listaxe de anfitrións de 'Mundiais da Vergoña'

Desde a Italia de Mussolini en 1934 a FIFA concedeu a proba a tiranías de todo tipo.
Cartel en francés facendo un chamamento a boicotear o Mundial de Arxentina '78, momento no que o país estaba vivía baixo a ditadura militar de Videla (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cartel en francés facendo un chamamento a boicotear o Mundial de Arxentina '78, momento no que o país estaba vivía baixo a ditadura militar de Videla. (Foto: Nós Diario)

Canto máis se aproxima o comezo da XXII Copa do Mundo de Fútbol, o evento deportivo máis importante do planeta con permiso dos Xogos Olímpicos, maior é a evidencia do rexeitamento que xera que a súa sede sexa un país que non respecta os dereitos humanos máis fundamentais como é Qatar. Tanto é así que xa se popularizou a expresión "Mundial da Vergoña" para cualificar a cita qatarí.

Pero isto non é o "empezóse", que diría a inesquecíbel Mafalda, senón o "continuóse" dun "empezóse" que arrancou tan cedo como na segunda da Copa do Mundo, desenvolvida en Italia no ano 1934.

O ditador Benito Mussolini, un auténtico namorado do fútbol, adiantouse ao que faría Adolfo Hitler cos Xogos Olímpicos de Berlín '36 empregando o Mundial como un vehículo propagandístico do fascismo. 

O anexión de Austria por parte de Alemaña non foi óbice para que FIFA bendixera a participación xermana e a absorción dos talentos austríacos

A gañadora, como non podía ser doutro modo, foi a "súa" Italia, nunha edición lembrada non só polos saúdos romanos que precedían os partidos, senón por unhas bochornosas actuacións arbitrais -nas semifinais, o colexiado chegou a despexar de cabeza un balón en contra de Italia- que conduciron os transalpinos a levantar a súa primeira Copa.

O terceiro Mundial comezou en Francia o 4 de xuño de 1938. Alí non estivo Austria, semifinalista no 34, pois o Anschluss (a anexión alemá) tivo lugar tres meses antes do inicio do Mundial, o que non foi óbice para que FIFA bendixera a participación xermana e a absorción dos talentos austríacos con excepción de Matthias Sindelar, quen nun exemplo de dignidade renunciou a xogar cos nazis.

O Mundial de 1934 foi un perfecto vehículo propagandístico para o fascismo italiano de Mussolini.
O Mundial de 1934 foi un perfecto vehículo propagandístico para o fascismo italiano de Mussolini.

Despois da II Guerra Mundial, os certames no Brasil da República Nova (1950), a neutralísima Suíza (1954), a democrática Suecia (1958), Chile (1962, 11 anos antes do golpe de Pinochet), Inglaterra (1966), ou Alemaña (1974) fixeron pensar que a FIFA adquirira uns escrúpulos cos que non contaba antes do conflito. Nada máis lonxe da realidade.

A estratexia do veo de silencio omite o poder maximizador do fútbol e dos medios de comunicación para botar luz sobre as miserias do país anfitrión do Mundial

A pesar de que o torneo recalou en países con evidentes insuficiencias democráticas -no Estado español desenvolveuse formalmente en 1982, pero a súa concesión foi en pleno franquismo-, o caso máis estremo foi o de Arxentina ’78, que conta con moitas similitudes co de Qatar 2022

Como acontece agora coas autoridades do Emirato, desde a Xunta Militar denunciaron unha "campaña internacional" de desprestixio. Tamén, como na actualidade, ningunha selección ou futbolista renunciou a participar. Creouse o mito de que Cruyff non xogou por compromiso político, pero nunha entrevista a un medio peruano o astro holandés desmentiuno: "Non foi por iso. Se fora por razóns políticas nunca tería xogado en España durante a ditadura de Franco". O máximo xesto de protesta dentro do mundo do fútbol, análogo aos brazaletes coas cores LGTBI que levarán algunhas seleccións en Qatar, foi a negativa dos holandeses a estreitar a man do ditador arxentino tras perder a final.

Nieves Meronio, vicepresidenta das Nais da Praza de Maio: "Foi grazas aos xornalistas e ao Mundial que tivemos os nosos  primeiros grupos de apoio"

E en 1978, como en 2022, hai quen esixiu boicotear o torneo escondéndoo baixo un veo de silencio, nunha estratexia que omite o poder maximizador do fútbol e dos medios de comunicación para botar luz sobre as miserias do país anfitrión. Porque, como afirmou Nieves Meronio, vicepresidenta das Nais da Praza de Maio, "foi grazas aos xornalistas e ao Mundial que tivemos os nosos  primeiros grupos de apoio". Hoxe, o mundo enteiro sabe como é o réxime qatarí. Pasa o mesmo con outras multimillonarias e veciñas ditaduras como Dubai? 

Comentarios