A marcha nórdica galega levará 16 deportistas ao campionato estatal

Catro clubs achegan participantes desta disciplina con posibilidades de poder estar no Campionato de España.
José Siso (á dereita) en Lugo (Foto: FGM).
photo_camera José Siso (á dereita) en Lugo (Foto: FGM).

A marcha nórdica, un dos deportes que está a medrar no país, contará con participación galega no Campionato de España que decorrerá na localidade andaluza de Sevilla o vindeiro mes de outubro.

A Federación Galega de Montañismo (FGM) anunciou a través das redes sociais a lista das persoas deportistas escollidas nunha primeira convocatoria polo seleccionador, Jose Siso. Nela, o adestrador nacional elixiu 26 deportistas tendo en conta a participaron durante estes últimos seis meses nas catro xornadas de selección abertas a todas as marchadoras e marchadores, dúas na cidade de Santiago e outras dúas en Lugo e Pontevedra. 

Até setembro, antes da viaxe a Sevilla, o seleccionador disporá de dous meses de traballo para contar coa lista definitiva que se reducirá a dezaseis deportistas: oito mulleres e oito homes. Ademais, traballarán nesta preselección dúas rapazas, Olivia López-Loriente e Victoria Gil, de cara á súa preparación para os campionatos de idade escolar que terán lugar tamén na localidade andaluza. 

Catro clubs

As achegas de deportistas proceden de catro clubs galegos. Por parte do Club de Marcha Nórdica A Coruña estarán Yulia Shurhina, Nazareth Tilve, Fernando Regueiro, Alberto Fidalgo, Luis Alberto Justo e José Manuel Iglesias.

Do Club Nordic Walking Lugo preseleccionouse María Isabel Rodríguez, María Elena Rodríguez, Cristina Parga, Pablo Sánchez e Nancy Bobillo.

Virán de parte do Club Xesteiras María Pilar Martínez, Ana María Dasilva, Alba Alonso, Raquel Carragal, Xosé Lois Pazos, Héctor Vázquez, Cesar Romay, Carlos Lodeiro e Ricardo Catoira.

Por último, fecha a lista María Jesús Rivas, deportista que pertence ao Club Vía Láctea Santiago.

Comentarios