A Irmandiña de marcha nórdica buscará en Pontevedra estar entre as mellores

A cidade do Lérez alberga este sábado o Campionato de España de marcha nórdica. Participarán once seleccións femininas e once masculinas, entre elas as galegas.
Compoñentes da selección galega feminina e masculina que participou no Campionato de España de Marcha Nórdica, na Coruña en 2021 (Foto: Nós Diario).
photo_camera Compoñentes da selección galega feminina e masculina que participou no Campionato de España de Marcha Nórdica, na Coruña en 2021 (Foto: Nós Diario).

A marcha nórdica é unha das modalidades deportivas máis recentes dentro dos denominados deportes de montaña. Naceu nos anos 90 en Noruega e estendeuse por toda Europa. No Estado español introduciuse en 2017 coa organización de varias competicións. A Galiza foi sede en 2021 dun Campionato de España e este sábado será o momento de que a anfitrioa sexa Pontevedra. 

Na Illa das Esculturas, na cidade do Lérez, baixo a organización do Club Aromon Pontevedra e do Club Xesteiras de Cuntis, competirán once seleccións masculinas e once femininas, cun total de 137 deportistas participantes.

Na Irmandiña feminina estarán Raquel Carregal, Nazaret Tilve, Marta Gil, Alba Alonso, María Martínez, Susana Vilas, Olga Brea e María José Regueira. Na masculina, os seleccionados foron Alberto Fidalgo, Héctor Vázquez, Luis Alberto Justo, Diego Rojo, Cesar Romay, Fernando Regueiro, Carlos Lodeiro e José Luis Rodríguez. O capitán de ambas as dúas será, como é habitual, Nacho García.

Por primeira vez, ademais, durante todo o sábado haberá unha proba non competitiva denominada Open Caixa Rural Galega de Marcha Nórdica na que participarán 51 deportistas de nivel internacional. 

A Galiza quere estar entre as cinco primeiras

Euskal Herria, Andalucía e Valencia son as seleccións máis potentes na actualidade. “Faremos o que poidamos”, indica a Nós Diario David Pérez, técnico de deportes e responsábel da organización deste campionato en Pontevedra. Está co seleccionador galego,

Nacho García, cando apunta que a meta sería “estar entre as cinco primeiras”, unha clasificación que indicaría “un salto de calidade brutal con relación aos anos anteriores”. A principal dificultade para chegar a eses niveis está no seguimento que se pode facer. “Non é como no fútbol ou outros deportes cando hai competicións a diario”, aclara.

Do adestramento á competición

Pérez relata a expansión que tivo a marcha nórdica até obrigar a que “nos últimos anos se regule para facer un deporte de competición”. Naceu como unha modalidade de adestramento físico e iso nótase na aceptación por parte da sociedade.

“En Pontevedra estes días, coa chegada das seleccións que adestran na propia Illa das Esculturas, notouse certa mimetización”, asegura. A súa doada aprendizaxe e os compoñentes saudábeis que reúne fixo que se achegaran a el persoas de todas as idades e deportistas doutras disciplinas. 

Nos últimos anos moitos clubs engadiron esta modalidade deportiva ás súas disciplinas e están a prepararse profesionais para adestrar e arbitrar segundo as recentes normas oficiais. 

Neste campionato que se realizará en Pontevedra, “dos oito compoñentes de cada selección puntuarán os catro primeiros en chegar á liña de meta”, apunta Pérez.

Nas regras figura a prohibición de deixar pinchado detrás do pé traseiro, “unha falta que se penalizaría con tempo e mesmo tería que pararse ou abandonar a proba como castigo”. Por este motivo, sinala este responsábel deportivo pontevedrés, “é moi importante a técnica”.

Comentarios