O montañismo galego abre as fiestras

A Federación Galega de Montañismo (FGM) comeza o ano cunha nova directiva, presidida pola adestradora e deportista Josefina Maestu Almeida, disposta a promocionar as súas disciplinas entre a sociedade. Con esta intención publicou un calendario de actividades anuais entre as que figuran novas probas e competicións, como a I Liga de sendeirismo. 
A Federación Galega de Montañismo (FGM) está a promocionar, entre as súas modalidades, a marcha nórdica (Foto: FGM).
photo_camera A Federación Galega de Montañismo (FGM) está a promocionar, entre as súas modalidades, a marcha nórdica (Foto: FGM).

O montañismo galego está a vivir unha nova etapa, polo menos no que respecta á súa federación. Coa entrada en decembro dunha nova directiva, presidida pola adestradora e deportista Josefina Maestu Almeida (Vigo, 1973), entraron novas ideas que buscan revolucionar o panorama desta disciplina na Galiza

A nova responsábel explica a Nós Diario que aínda están no proceso de “inventario da situación” mais xa comezaron a actuar “respondendo aos principais problemas das diferentes especialidades e instaurando unha absoluta transparencia, algo que non existía antes”.

Para a viguesa “é fundamental facer sentir a deportistas, clubs, árbitros e técnicos a presenza da federación” como entidade “preocupada polos seus problemas”. 

Para Maestu é “un desafío tamén como muller, a primeira neste cargo na federación”. Entre os seus obxectivos está “modernizar esta institución, unha das que máis potencialidades ten no deporte galego”.

Pon como exemplo o número de persoas que practica sendeirismo sen estar federadas “un 30%, asumindo o risco que ten non contar con seguros en caso de accidentes e rescates”. 

Potenciar o sendeirismo e a marcha nórdica

Coa intención de fomentar a participación e o achegamento á federación, ademais da realización de xornadas de tecnificación en alpinismo e outras disciplinas, este organismo está a promover a marcha nórdica coa realización da primeira proba da Copa Xunta da Galiza que decorrerá este domingo en Lugo.

Outra das iniciativas foi a creación da I Liga galega de sendeirismo, unha competición que se iniciou en Noia e Marín en febreiro e que continuará durante todo o ano pasando polas comarcas do Condado, Valdeorras, O Barbanza ou A Coruña

Deporte nas Fragas do Eume

O pasado mes de decembro, a Federación Galega de Montañismo (FGM), cunha xunta directiva recén renovada, decidiu presentar alegacións ao proxecto de decreto dos plans de ordenación dos recursos naturais e de uso e xestión do Parque natural das Fragas do Eume, unha proposta da Xunta que, segundo aseguran desde a federación, “afectaba de maneira considerábel a práctica de distintas modalidades de deportes de montaña”. 

Esta semana chegou a resposta favorábel ás alegacións e foi recibida “con satisfacción” pola federación da Galiza. A presidenta deste organismo, Josefina Maestu, lembra a Nós Diario que “se non o fixeramos neste caso, e noutros, en moitos espazos protexidos da Galiza non poderiamos realizar ningún tipo de actividade deportiva”.

Algo que, sinala, afectaría o montañismo, unha práctica que “ama, valora e respecta a natureza".

No caso das Fragas do Eume pensan editar unha guía das zonas visitábeis e indicar o número de persoas  autorizadas para acceder coa intención de "facilitar o acceso ás persoas federadas".

Comentarios