Máis medallas para o piragüísmo galego en Cracovia

A Galiza continúa demostrando que é unha auténtica potencia mundial na disciplina do piragüismo.
Pablo Graña e Antía Jácome no podio. (FOTO: RFEP)
photo_camera Pablo Graña e Antía Jácome no podio. (FOTO: RFEP)

Antía Jácome e Pablo Graña fixeron historia ao conseguir a medalla de ouro no C2 200 mixto dos Xogos Europeos de Cracovia, que se celebran en Polonia.

A canoa guiada pola pontevedresa e o cangués saíu forte desde o comezo e mantivo ritmo até o final.

Jácome e Graña deixaron os seus rivais a máis dun segundo de diferenza, unha enorme distancia nunha proba de apenas douscentos metros. Os galegos demostraron o seu espléndido estado de forma arrollando todos os rivais.

 

O tándem galego dominou a carreira superando por máis dun segundo aos anfitrións polacos, que quedaron coa prata. O bronce foi para Alemaña, que rozou a segunda posición.

Esta é a segunda medalla para os dous canoístas galegos. Jácome logrou a prata xunto a María Corbera no C2 500 metros (distancia que forma parte do calendario olímpico de París 2024, no que está centrando o seu adestramento) e Graña conseguiu o bronce no C1 200 metros.

Noutra destacada participación galega nesta xornada dos Xogos Europeos, o padeeiro pontevedrés Adrián Sieiro, do Náutico O Muíño de Ribadumia, finalizou en sexta posición na final do C1 500, proba que gañou o checo Martin Fuks.

Comentarios