Antía Jácome, padeeira olímpica: "Este ano determinará se estarei en París en 2024"

Antía Jácome Couto (Pontevedra, 1999), diploma olímpico en Toquio 2020 e subcampioa do mundo de C1 200 metros en 2021, é unha das grandes deportistas galegas que podería estar en París 2024. Desde Mallorca (Illes Balears), onde adestra na actualidade, conversa con Nós Diario sobre os retos futuros.
A deportista pontevedresa, Antía Jácome (Foto: Antiajacc)
photo_camera A deportista pontevedresa, Antía Jácome (Foto: Antiajacc)

—Que sentiu saber que lle conceden o Premio do Deporte Galego a mellor deportista revelación da Galiza?
Para min foi un orgullo total. Sábeme moi mal non poder estar na Galiza para poder recollelo. Teño que estar centrada, quédanme poucas semanas para competir no selectivo estatal que é unha das competicións que marcará a tempada. Gustaríame estar e coincidir con Teresa Portela e Ana Peleteiro. Irán á gala meu pai e miña nai. Veremos que tal se lles dá ese día falar no escenario.

—Nos Premios do Deporte Galego desta edición hai varios relacionados co piragüismo. Como explica os éxitos que está a ter esta disciplina na Galiza desde hai anos?
O piragüismo deu un cambio enorme. Somos máis e somos mellores, algo que é moi importante. Gañamos o mundial absoluto por países e iso foi unha tolería. Estamos facendo as cousas moi ben e corrixindo erros, a nivel de federación e de deportistas. Na Galiza temos lugares incríbeis para adestrar. Sitios que son perfectos para a práctica do piragüismo. Un deles é o río Lérez que é a miña casa, malia levar fóra desde os 15 anos.

 Na Galiza temos lugares incríbeis para adestrar

Gustaríame ter estado nalgún momento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, un lugar que creo que ten que ver moito en que haxa moi boas e bos deportistas na Galiza. Foron responsábeis de que saíran excelentes padeeiras e padeeiros a nivel internacional. 

—Foi dura a dedicación que lle levou a ter este nivel?
A vida dunha deportista é complicada. Estar fóra da casa, sen ter ao carón a familia, aínda fai que sexa máis difícil. Porén, creo que fai que madures antes. Caes na conta que, ao principio, é como un xogo, mais logo cando medras observas todo o que melloraches. 

Só nun ano xa mudas, ao ter que facer ti mesma as cousas e administrar o teu tempo para estudar e adestrar. É a vida que decidín ter e creo que din pasos moi grandes e agardo seguir así bastante tempo.  

—Como é a preparación que está a facer estes días en Mallorca?
Comecei a adestrar aquí o verán pasado, tiven que cambiar de adestradores e foi unha tempada complicada. A semana é moi semellante á que tiña antes mais dosificamos un pouco mellor o tempo. Semanalmente adestro 36 horas.

Temos sesións dobres as segundas, cuartas e sextas feiras, con auga pola mañá e pola tarde, ademais de ximnasio. As terzas, quintas e sábados libramos pola tarde para poder compaxinar os estudos ou poder dar un paseo. Ter un tempo de lecer é moi importante no noso deporte. Creo que o levo moi ben, estou moi tranquila. 

—Veñen, en pouco tempo, retos importantes, desde o selectivo estatal até citas como o Mundial e os Xogos Olímpicos. Como será ese camiño?
Comecei a montar en C2-500 con María Corbera e cremos que é un barco potente para conseguir algo internacionalmente. Xogarémonos a praza para poder asistir á Copa do Mundo, competindo tamén en C1, e nesa cita decidirase a asistencia ao Mundial con dúas embarcacións. Só unha delas poderá estar en París.

—Xa estivo nuns Xogos Olímpicos. A experiencia serviralle para recuncar?
Teño moitas ganas e este ano estouno tomando doutra forma. Estou moi feliz e tranquila, sobre todo mentalmente. Ademais teño moita ilusión con este ano, que determinará se estarei en 2024 nos Xogos Olímpicos de París. Quero ir paso a paso mais é certo que a experiencia de Toquio anímame para voltar e conseguir unha medalla.  

Comentarios