Máis de 1.400 deportistas compiten este mes en Pontevedra nos mundiais de loita

Comezou en Pontevedra o Mundial de Grappling e Grappling-Gi. Esta sexta feira será a xornada decisiva para a participación galega. A semana vindeira será o momento doutro mundial: o de loitas olímpicas.
Un dos combates que tivo lugar onte no Mundial de Grappling e Grappling Gi en Pontevedra (Foto: Federación Galega de Loita e D.A.).
photo_camera Un dos combates que tivo lugar onte no Mundial de Grappling e Grappling Gi en Pontevedra (Foto: Federación Galega de Loita e D.A.).

Outubro está a ser na Galiza o mes da loita e das súas modalidades. Pontevedra é a sede Mundial do Grappling e Grappling-Gi, que comezou o día 12 e rematará o 15 deste mes, e a mesma cidade acollerá para a semana, do 17 ao 23, os mundiais de Loitas Olímpicas U-23. O director destas dúas citas tan importantes a nivel internacional, o vigués Pablo Pintos, cualifica en declaracións a Nós Diario de “histórica” esta circunstancia.

“É a primeira vez que se organizan no Estado español e será na Galiza, en Pontevedra”, indica, “e ademais nunha cidade que non conta cun aeroporto”, engade. Agora mesmo, co primeiro dos campionatos, están “desbordados pola asistencia que é superior á agardada” e sen contar “cunha experiencia previa da que partir”.  Pon como exemplo a delegación de Kazajistán, unha das máis numerosas, que conta con 80 compoñentes, entre técnicos e deportistas, que agora mesmo están na cidade do Lérez. 

A participación galega en Grappling e Grappling-Gi comezou de maneira desigual. O primeiro día, Ramón Placer (Club Sportfight de Ferrol) non tivo moita sorte e perdeu, ademais cunha lesión no nocello. Hoxe será a quenda da categoría sénior feminino, coa participación de Vanesa Muíños (Club IQ Fight do Porriño) e María José Raja (Club Sportfight de Ferrol) xunto á de sénior masculino con Marcos González (Club Sportfight de Ferrol) e Jose Manuel Eyo (Club CAMM de Santiago de Compostela) e Pablo Vázquez (Club Graiño de A Coruña).

A posibilidade de ter éxitos é grande, segundo Pintos, “pola alta participación ao ser na casa, sen os atrancos económicos que supón viaxar a outros países”. 

O Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas

A seguinte cita, sen moverse de emprazamento, será o Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas. “En 2019 non agardabamos moito en relación aos resultados e houbo unha medalla de bronce”, explica a Nós Diario o director dos mundiais. Porén, as dificultades veñen pola diferenza de nivel entre os 70 países participantes. Así e todo a presenza galega será importante. “As dúas mellores deportistas estatais son Lydia Pérez de Pontevedra e Nerea Pampín de Vila de Cruces”, lembra este vigués, "e esta última participa no Mundial", engade. 

O futuro da loita na Galiza

O director dos mundiais compara a situación actual da loita na Galiza cun “reloxo de area” a nivel de resultados e sería máis semellante a unha pirámide “se falamos de resultados”. Recoñece que se traballa moito o deporte de base nos centros educativos e hai menos deportistas na categoría sénior.

“A xente, coa idade, deixa a competición activa de máximo nivel”, sinala. A nivel de competición, a loita galega queda sempre nos primeiros postos da clasificación estatal mais este 2022 situouse como campioa de España de loita feminina na categoría Sub-15.

“Temos rapazas e rapaces con moi boa proxección e traxectoria mais aínda non foron campioas e campións, quedan en segundo ou terceiro lugar”, algo que explicaría, para este técnico, a razón de non ter agora mesmo máis representación no Mundial Sub-23 de Pontevedra.  

Comentarios