Lidya Pérez e José Cuba apuran as últimas opcións de estar en Tóquio

As loitadoras galegas disputan o preolímpico en Sofía (Bulgaria).
José Cuba aspira a estar nuns Xogos Olímpicos con 40 anos de idade (Foto: Fegaloita).
photo_camera José Cuba aspira a estar nuns Xogos Olímpicos con 40 anos de idade (Foto: Fegaloita).

A loita galega apura as súas últimas opcións para contar con representación nos Xogos Olímpicos de Tóquio 2021 da man de Lydia Pérez e José Cuba no torneo preolímpico mundial, a proba decisiva para conseguir un boleto para a gran cita xaponesa.

Sofía (Bulgaria) acollerá desde o día de mañá un certame que se prolongará até o vindeiro domingo, nove de maio, e no cal só obterán o pasaporte olímpico en cada categoría aqueles e aquelas deportistas de loita libre olímpica, loita libre feminina e loita grecorromana que alcancen a final en cada un dos seus respectivos pesos.

É dicir, tan só estarán en xogo 36 pasaportes olímpicos, e para facerse cun deles unicamente vale volver de Bulgaria cunha medalla de ouro ou unha de prata colgada do pescozo.

As dúas representantes do país no decisivo torneo serán Lydia Pérez Touriño e José Cuba Vázquez.

A primeira, que compite con licenza do Club de Loita Pontevedra, participará na modalidade de -62 quilogramos, e agarda prolongar a súa traxectoria ascendente durante este 2021 para facerse cunha das dúas prazas, para o que terá que superar outras 21 competidoras. 

Polas súa banda, o chairego José Cuba (Club Loitas Olímpicas de Vilalba), que en 11 días celebrará o seu 40 aniversario, pretende demostrar tanto que a veteranía pode chegar a ser un grao como o exitoso da súa preparación a medida co sparring ucraíno Sergey Priadum

Ademais, ambas as deportistas contarán co apoio do técnico Marcos Miragaya (Vilalba, 1986), que dirixe os adestramentos do grupo de Rendemento do  Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. 

Comentarios