A guerra muda o panorama da Loita Olímpica

A guerra no leste de Europa está a mudar radicalmente o panorama en numerosas disciplinas deportivas, sendo unha das máis afectadas a da loita olímpica, onde Rusia, Bielorrusia e Ucraína exercían até o de agora un dominio apenas puntualmente cuestionado polo Irán, India ou os EUA.
A exclusión de Rusia impedirá que se repita o duelo polo triunfo final no medalleiro que viviu o Campionato de Europa Sub-23 en 2021. (Foto: UWW).
photo_camera A exclusión de Rusia impedirá que se repita o duelo polo triunfo final no medalleiro que viviu o Campionato de Europa Sub-23 en 2021. (Foto: UWW).

A invasión rusa de Ucraína está a ter amplas consecuencias no mundo do deporte. Se onte se informaba nestas mesmas páxinas dos seus efectos no fútbol -ao que á exclusión das seleccións rusas das diferentes competicións internacionais como a Copa do Mundo uniuse a liberación dos adestradores e xogadores estranxeiros dos contratos que os unían cos equipos das ligas rusas e ucraína-, agora é a quenda de mover o foco á loita olímpica co gallo do Campionato de Europa Sub-23 que acaba de arrancar na localidade búlgara de Plovdiv.

Ademais de por ser a estrea dos torneos continentais no que vai de ano, destaca por ser o primeiro que terá lugar desde o estoupido dun conflito que afecta moi especialmente un deporte no que Rusia e Bielorrusia son as dúas grandes potencias dominadoras,  pero non poderán participar na proba logo da súa exclusión por parte da Federación Internacional de Loita (United World Wrestling), que vetou a súa inscrición non só neste Europeo de Plovdiv, senón en todas as demais citas internacionais, ademais de cancelar todos os eventos concedidos a ambos os países e as súas candidaturas a acoller futuros certames.

Desde a Federación Galega de Loita e Disciplinas Asociadas analizan esta decisión, explicando que a primeira consecuencia da medida do organismo reitor do deporte a nivel mundial é a "baixada de nivel" -algo que podería facilitar o acceso das representantes da Galiza aos postos de privilexio-, mentres que a segunda sería a apertura "dun novo escenario deportivo, descoñecido até o momento". "Os tres países en conflito [Rusia, Bielorrusia e Ucraína] son os que máis deportistas achegan ás competicións, presentando en moitas ocasións equipos completos: 10 loitadores en libre masculina, outras tantas en libre feminina e outros 10 en loita grecorromana", engaden. Tanto é así que na única categoría na que non tiveron representación no podio dos pasados Xogos Olímpicos de Toquio 2020 foi en +125 quilogramos.

A maiores, desde a Federación Galega da modalidade apuntan outra cuestión: "Que pasará con todos os deportistas rusos nacionalizados por outros países?". Non é un tema menor, pois moitas nacións occidentais recorren aos seus servizos para conseguir metais, como aconteceu co medalla de bronce no Europeo de 2018 Taimuraz Friev (+86 quilos), que subiu ao podio representando o Estado español logo de recoñecer pouco antes que non sabía falar castelán.

  A súa presenza no inminente Campionato de Europa Absoluto de Loita, programado na capital de Hungría, Budapest,  entre o 28 de marzo e o 3 de abril, é a día de hoxe unha incógnita, así como a de moitos outros loitadores na súa situación que desde hai anos defenden os pavillóns de países como Francia, Italia, Eslovaquia, Alemaña ou Hungría. Se conseguen participar, ábrense incógnitas como a da súa seguridade, argumento esgrimido polo COI para expulsar Rusia e Bielorrusia dos Xogos Paralímpicos.

Nerea Pampín será testemuña da nova situación no Europeo Sub-23 de Bulgaria

A deportista galega Nerea Pampín Blanco, membro do Club Keltoi de Vila de Cruces, será a única representación galega no Campionato de Europa Sub-23 de Loitas Olímpicas, o primeiro gran campionato internacional logo da expulsión das grandes dominadoras, Rusia e Bielorrusia.

Nerea Pampín será da partida na categoría de -65 quilos xunto con outras oito competidoras procedentes de Romanía, Polonia, Letonia, Turquía, Italia, Alemaña, Estonia e Acerbaixán co único obxectivo de ir superando roldas e, polo menos, repetir o seu bo desempeño na edición do pasado ano 2021 en Skopje (Macedonia), onde finalizou quinta e a piques estivo de lograr a medalla de bronce.

A da comarca do Deza quedou a un só triunfo, pero a polaca Czeslawa Kulwicka interpúxose no seu camiño ao podio.

Comentarios