O Lugo pon a Liga patas arriba

Co Celta inactivo a causa dos choques internacionais, o Lugo, inmerso na dinámica máis positiva dos últimos anos, acaparou o foco de atención nunha xornada futbolística na que a Federación Española tomou a cuestionábel decisión de suspender os partidos de Rácing de Ferrol e Dépor por un baixo número de casos de Covid-19.
A escuadra lucense acumula 10 partidos sen perder e os máis ambiciosos xa miran arriba na táboa. (Foto: La Liga).
photo_camera A escuadra lucense acumula 10 partidos sen perder e os máis ambiciosos xa miran arriba na táboa. (Foto: La Liga).

Chegaba o Club Deportivo Lugo á vixésimo quinta xornada ligueira coa decepción de saber que non poderá contar con Gerard Valentín, o seu xogador estrela, no segundo tramo da tempada logo de que a directiva encabezada por Tino Saqués fechase o seu traspaso á galeguizada Sociedade Deportiva Huesca de Insua, Ferreiro e compañía por unha cantidade de 400.000 euros, cifra que aliviará minimamente a delicada situación económica dun conxunto que perdeu dous millóns e medio de euros no exercicio 2020/21.

Non obstante, e tal e como fixera xa nos triunfos ante Mirandés e Amorebieta, a escuadra albivermella volveu demostrar a solidez dun bloque que non depende dun só home para sobrevivir superando Burgos, un rival directo na loita pola salvación, por un gol a cero.

Porén, e a pesar de que o técnico do Lugo, Rubén Albés, destacou a "dificultade" de facerse coa vitoria ante os casteláns, tamén recoñeceu que levan "moitos puntos", algo especialmente salientábel "tendo o segundo orzamento máis baixo da Segunda División". Aínda así non quixo situar o foco nunha loita polo play-off de ascenso que queda xa a só cinco puntos. Considerado como un dos adestradores "de moda", tamén botou balóns fóra cando, na rolda de prensa posterior ao partido, lle preguntaron pola posibilidade de cambiar de club.

Luís Rubiales adultera a Primeira RFEF

Máis revoltas baixan as augas na terceira categoría, a Primeira RFEF. Alí, a Federación Española de Fútbol presidida por Luís Rubiales tomou a ultimísima hora a determinación de adiar o choque entre o primeiro e o segundo clasificado, Deportivo da Coruña e Rácing de Santander, a causa dos casos de Covid-19 detectados no club cántabro.

Boa parte da afección herculina criticou esta inédita decisión sinalando que busca ou ben beneficiar o Rácing ou prexudicar o Dépor, pois até o de agora a RFEF nunca suspendeu un choque no que houbese menos de sete positivos, e neste hai só tres, medida que, para evitar o agravio comparativo, obrigou a adiar tamén o choque do Rácing de Ferrol, afectado polo mesmo número de casos.

Xa que logo, o único que xogou -e de que modo- foi un Celta B que confirma a súa candidatura ao ascenso cunha nova goleada: 4-1 ante o Bilbao Athletic.

Comentarios