mércores 26.02.2020
Cae Emilio Viqueira

O Lugo cesa o cuarto director deportivo en cinco anos

É un posto de alto risco o do director deportivo do Lugo. O clube comunicou esta terza feira o cesamento do titular do cargo, Emilio Viqueira. Cae tamén o seu adxunto, José Luis Deus. Viqueira é o cuarto director deportivo cesado na entidade branquivermella no transcurso dos últimos cinco anos.

Viqueira, na presentación de Manu Barreiro como novo futbolista do Lugo
Viqueira, na presentación de Manu Barreiro como novo futbolista do Lugo

Serias diferenzas na composición do plantel —Viqueira viuse obrigado a asinar até 6 futbolistas novos no mercado de inverno— precipitaron a caída dun director deportivo que durou apenas pouco máis de medio ano no cargo. O ex futbolista do Deportivo únese na nómina de cesados aos seus predecesores Víctor Moreno, Toni OteroEmilio de Dios.

A pesar do cesamento, a situación do Lugo na táboa dista de ser desesperada. En 24 capítulos do campionato sumou 26 puntos e dispón dun colchón de 4 a respecto da zona do descenso de categoría.

Viqueira xa non contaba coa confianza da directiva presidida por Tino Sasqués cando esta, de costas viradas ao director deportivo e na ventá de fichaxes invernal, decidiu traspasar dous futbolistas clave do plantel, Azeez e Kravets, traspasados ao Granada e ao Leganés, respectivamente.

comentarios