Unha lenda di adeus ao fútbol sala: cando colga as botas Pola?

O galego milita actualmente no Noia Portus Apostoli da máxima categoría. 
O galego triunfou no Movistar. (Foto: LNFS).
photo_camera O galego triunfou no Movistar. (Foto: LNFS).

O veterano Adrián Alonso, 'Pola', considerado como un dos mellores xogadores galegos de fútbol sala de todos os tempos, anunciou que, logo de case dúas décadas de traxectoria profesional, colgará as botas a finais da presente tempada, na que defende as cores do Noia Portus Apostoli da Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS).

De 35 anos de idade, Pola empregou as súas distintas canles nas redes sociais para dar a coñecer a noticia, publicando un vídeo no que repasou as súas andainas polos diferentes equipos nos que militou durante a súa carreira, sendo o Movistar Inter no que máis triunfou, entre 2011 e 2021.

Naquela escuadra madrileña, alcumada 'A Máquina Verde', o ala-feche levantou seis Ligas (2014, 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019), dúas Copas do Rei (2015, 2021), cinco Copas de España (2005, 2014, 2016, 2017 e 2021), catro Supercopas de España (2015, 2017, 2018 e 2020) e dúas Ligas de Campións (2017 e 2018).

Como tamén lembrou no seu vídeo, Pola comezou a súa carreira profesional en 2005 no Autos Lobelle de Santiago de Compostela, a onde chegou procedente do Redondela.

Na formación capitalina estivo até que deu o salto a Movistar en 2011, e tras un breve paso polas competicións portuguesa e italiana tomou a decisión de regresar a casa para xogar no Noia no verán de 2023. 

Comentarios